site
ERGOSFERA

«A cidade fronte ao control urbano». Charla nas xornadas LUGO SEN MORDAZAS: POR UNHA CIDADE VIVA E INCLUSIVA (Sábado 24 de novembro, 18:15h, Casa Sindical de Lugo)

Lugo_Sen_Mordazas


Os próximos sábados 24 de novembro e 1 de decembro desenvolveranse as xornadas Lugo Sen Mordazas: Por unha cidade viva e inclusiva.

Entre as súas moitas actividades está unha pequena charla pola nosa parte titulada «A cidade fronte ao control urbano», ás 18:15h na Casa Sindical de Lugo. A continuación, unha introdución ao tema que trataremos:


A cidade fronte ao control urbano

Ergosfera, novembro de 2018


Sexan cales sexan os seus obxectivos, todas as ideoloxías políticas representadas nos Plenos municipais e nos Parlamentos autonómicos e estatal parten dun consenso non explícito en torno á necesidade ou desexabilidade do control total sobre cada metro cadrado do territorio.

En realidade, hoxe xa sabemos que as pequenas e grandes exterioridades parciais que persisten no territorio e nas cidades funcionan como espazos e tempos fundamentais para que emerxan algunhas das materializacións de conceptos como a autonomía, os comúns ou mesmo a supervivencia ou a democracia.

A nosa charla consistirá nun percorrido por algúns dos estudos realizados nos últimos anos sobre como as ferramentas urbanísticas e de “seguridade cidadá” afondan nesa idea de control á conta dos procesos urbanos considerados prescindibles, no mellor dos casos, ou directamente inimigos da normalidade ou da rendibilidade, na maioría das ocasións.

Casos nos que unha idea nunca neutral de orde se enfronta directamente á imprevisibilidade da vida humana, un proceso que pode rematar facéndose realidade de múltiples xeitos: desde a invención dun termo como “feísmo”, ata a multiplicación das cámaras de videovixilancia e o resto de gadgets tecnolóxicos para o control social (tan ben introducidos a través de ideas como smart city, big data ou internet of things); desde o desaloxo de centros sociais okupados e autoxestionados, ata as normativas de “seguridade, salubridade e ornato” que implican o peche dos soares e edificacións sen usos formais; desde o modelo urbanístico que implica o desprazamento dos descampados cara as periferias, ata a homoxeneización das estéticas admisibles no espazo público ou a expulsión das persoas e actividades supostamente non desexadas segundo os consensos sociais dominantes en cada momento histórico. Como a ordenanza “cívica” contra a que afortunadamente xurdiu Lugo Sen Mordazas.

sin comentarios

sin comentarios todavía