Archivos de la categoría: [ 2018 ] PORTO DA CORUÑA
PORSUPORTO: Presentación da proposta para o futuro dos terreos portuarios da Coruña (venres 1 de marzo ás 19:30h na Tribuna Pública)
Desde o pasado martes 26 de febreiro e ata o 17 de marzo, na plataforma A Porta Aberta pódense consultar e avaliar as cinco propostas seleccionadas no concurso de ideas para a transformación dos terreos portuarios da Coruña.
Tras a inauguración o martes da exposición dos traballos no Palacio Municipal e a breve presentación pública do mércores, onte xoves comezaron as presentacións en profundidade das propostas en Tribuna Pública, a instalación temporal na praza da Fábrica de Tabacos na que se están a desenvolver múltiples actividades culturais sobre o espazo público e o futuro do porto.
Hoxe venres 1 a partir das 19:30h presentamos alí a proposta PORSUPORTO, realizada xunto aos compañeiros e compañeiras de Hábitat Social e Flu-or e ao biólogo Damián Romay.
Tras o remate das presentacións, desenvolverase un debate aberto coa participación dos cinco equipos seleccionados.
Toda a documentación das propostas (cinco paneis de gran formato, unha memoria e un vídeo de tres minutos) pódese consultar e descargar na mesma web municipal onde calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na Coruña pode avaliar os traballos.
Deixamos por aquí igualmente os materiais de PORSUPORTO:
VÍDEO / VIMEO (3 MIN.)
MEMORIA / .PDF (GAL) / .PDF (ESP)
PORSUPORTO foi elaborado por: Hábitat Social (Iria Brandariz Otero, Carolina Jack Lago, Ramón Fernández Sánchez e José Manuel Sánchez Vizcaíno), Flu-or (Alba González Vilar, Juan Miguel Salgado Gómez e Luís Manuel Santalla Blanco), Ergosfera (Iago Carro Patiño e Daniel Castro Martínez) e Cosme Damián Romay Cousido (biólogo).
Comments are off for this post
Sobre o concurso de ideas para a transformación dos terreos portuarios da Coruña
Xunto aos compañeiros e compañeiras de Hábitat Social, Flu-or e máis boas xentes como Damián Romay do Grupo Naturalista Hábitat fixemos unha das propostas seleccionadas para seguir pensando publicamente o futuro dos terreos portuarios da Coruña.
Toda a documentación sobre o “concurso de ideas, con intervención de xurado, para a definición de estratexias de transformación do bordo litoral da cidade da Coruña, dende o dique de Abrigo até a praia de Oza” pódese consultar na web municipal: as actas das reunións do xurado, aquí; a documentación das cinco propostas seleccionadas, aquí; e os paneis e a memoria da proposta na que participamos, baixo o lema “Porsuporto”, aquí.
A documentación entregada para a convocatoria, tres paneis A0 e unha memoria de 25 páxinas, contén numerosos erros e eivas derivados do normal desenvolvemento dunha proposta urbana nun formato de entrega como o concurso de ideas. Durante as próximas semanas traballaremos para mellorar a proposta e a documentación necesaria para que a veciñanza poida achegarse aos seus obxectivos e valorala no proceso participativo que se desenvolverá a partir de febreiro ou marzo de 2019.
Deixamos a continuación algunhas notas de análise sobre o desenvolvemento do concurso, un proceso no que estamos moi contentos de poder seguir traballando, pero sobre o que é preciso comentar algúns temas da súa cara B:
1) Sobre quen podía participar no concurso.
Ao comezo deste proceso, o Concello da Coruña anunciou que se trataría dun concurso completamente aberto a calquera cidadán que quixese propor ideas para o futuro dos terreos portuarios. Tras algunhas críticas do BNG local e dos colexios profesionais de arquitectura e enxeñaría de camiños, canais e portos, o Concello decidiu finalmente restrinxir a participación a aquelas persoas que dispuxésemos deses determinados títulos universitarios. É dicir, toda a retórica sobre a transdisciplinariedade ou sobre a capacidade da intelixencia colectiva, os laboratorios cidadáns ou a veciñanza en xeral para producir coñecemento útil pasou a un plano irrelevante por unhas simples críticas, ou ben bastante infundadas como as do BNG (que aludía “falta de seriedade” nesa apertura disciplinar nun concurso que chegaron a considerar “un insulto”), ou ben interesadas e de parte como as dos colexios profesionais (que asimilando un concurso de ideas a unha licitación técnica lograron impoñer o criterio competencial e os intereses dos seus representados).
Se o obxectivo era suscitar ideas de todo tipo sobre o futuro da cidade poderíanse ter establecido categorías (unhas máis técnicas e outras máis libres) ou fixarse uns criterios máis claros en canto á documentación a entregar para que fose esa a condición a cumprir, e non a posesión dun título que xa antes dos recentes escándalos universitarios eran unha medida de avaliación posta moi en dúbida pola realidade. Que problema habería con iso nun concurso que é só de ideas, non unha licitación para executar unha obra? Por que a cidadanía só pode “participar” ou aportar ideas cando non existe a posibilidade de remuneración económica? Esta é precisamente a labor posterior do xurado (formado por técnicos recoñecidos e de todo tipo así como polas asociacións profesionais e políticos representantes da cidadanía): seleccionar aquelas ideas que deben ser recompensadas pola súa calidade sen importar se as aportou un equipo de arquitectas, unha asociación hosteleira ou un grupo de usuarios dun foro dixital.
2) Sobre as propostas inadmitidas.
A eliminación de 10 das 18 propostas presentadas ao concurso por motivos unicamente administrativos é unha moi mala noticia para a cidade. Un problema que doe máis porque semella unha das consecuencias tanxibles e negativas para a xestión pública municipal do ambiente político e mediático de confrontación total existente desde maio de 2015 na Coruña.
Aínda que o debate xenérico entre a primacía da lei ou da razón ten aínda moito percorrido filosófico, o normal é que na realidade, no caso particular, sexa a política o instrumento para poder tomar partido polo máis axeitado para a sociedade, é dicir, para o chamado interese público. E neste caso, por moito que sexa legal, prescindir do traballo de decenas de persoas que dedicaron tempo e recursos a pensar sobre o futuro do porto non é de ningún xeito unha decisión racional que beneficie ao conxunto da cidadanía da Coruña.
Unha proposta eliminada por entregar cinco horas e media tarde (fóra dun prazo de tres meses!). Unha por non entregar o “resumo executivo” (dous parágrafos!) e outra por entregalo máis longo do requerido (probablemente por un simple erro de confundir caracteres con palabras!). Outra por non ter na memoria un apartado cos cinco puntos que se pedían na convocatoria (aínda que respondese na propia memoria a esas mesmas preguntas noutra orde ou baixo outras denominacións). E por último, seis traballos eliminados porque os paneis entregados en formato dixital superaban os 4 MB de tamaño sendo 3 MB o máximo admitido.
En resumo, un conxunto de motivos de exclusión ridículos, sen ningunha importancia real na calidade das ideas presentadas (o obxectivo do concurso) e que nun mundo desexable e normal só deberían supor, ou ben unha comunicación anónima, a través da web municipal de Tecendo Litoral por exemplo, para que os equipos completaran ou reenviaran a documentación nalgúns dos casos (que trato de favor implicaría pedirlle aos participantes que reenviaran exactamente os mesmos paneis co tamaño reducido aos 3 MB ou que entregaran o resumo de dous parágrafos?), ou ben unha determinada penalización na súa puntuación final como solución xenérica: o único que debería ter feito un xurado* razonable sería acordar cal é esa sanción xusta para cada un destes defectos formais. É dicir, pactar unha solución boa para todos os axentes implicados e para levar ao mellor termo posible o proceso, algo que, en realidade, xa fixo este mesmo xurado, xa que nós mesmos e outros dous equipos superamos minimamente eses 3 MB nalgún dos paneis e o xurado decidiu por unanimidade que ese marxe debía calificarse de erro técnico imprevisible e polo tanto ser admitidas as propostas. Pura casualidade. A mesma lóxica que deixou en oito as propostas admitidas puido perfectamente deixalas en cinco ou en menos (como exemplo inverosímil, pero na liña do acontecido, poderíamos imaxinar que os servizos informáticos do Concello se poñen a traballar a conciencia cos arquivos dixitais entregados en busca de metadatos que rompan o anonimato).
O caso da exclusión das seis propostas que excedían o tamaño en MB dos paneis xerou un intenso debate no xurado, pero finalmente só os dous representantes do COAG e o arquitecto de recoñecido prestixio votaron en contra, absténdose os dous representantes do goberno municipal, as dúas do CICCPGalicia e os tres do ámbito universitario (Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, E.T.S. de Arquitectura e E.T.S. de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos) e votando a favor o resto dos membros. No resto dos casos a unanimidade da exclusión foi maior: no caso dos problemas co “resumo executivo”, só se abstiveron os dous profesionais de recoñecido prestixio; no do apartado da memoria cos cinco puntos, só se abstivo a representante do grupo municipal do PP; e no do retraso na entrega, a exclusión foi por unanimidade.
O sucedido é gravísimo e ten que facer reflexionar a quen corresponda, en especial aos políticos e medios de comunicación, sobre os motivos que levaron a esta situación tan inxusta e inusual (alguén recorda un concurso de ideas no que foran eliminadas máis da metade das propostas por motivos administrativos?).
Na nosa opinión esta situación responde ao clima irrespirable instalado na vida política municipal, un contexto que puido ter dous efectos neste caso: por unha parte, unha posible utilización da participación no xurado como ferramenta de boicot político** por parte dalgúns dos seus integrantes, e por outra, unha desconfianza e medo colectivo ás accións xurídicas que se puidesen emprender contra a resolución do concurso se non se cumprían ata o extremo irracional as súas bases.
Resulta difícil imaxinar á maioría dos membros do xurado votando a favor de eliminar estas propostas se o contexto político e mediático fora outro. Un no que o nivel de agresividade contra o goberno local fose menos estrambótico. Un no que fora obvio que antes de formular esta posibilidade da exclusión se chegaría a un acordo e se atoparía a fórmula adecuada para solucionar un simple problema burocrático, sen discrecionalidade ningunha e sen, por suposto, comprometer de ningún xeito a “seguridade xurídica” do concurso.
É preciso que o proceso participativo e de debate público que comeza agora minimice os efectos desta situación anómala atopando un lugar adecuado ás propostas inadmitidas, permitindo que esas ideas poidan ser coñecidas pola veciñanza e recompensando como sexa posible, non só, pero tamén economicamente, o traballo realizado polos dez equipos afectados.
3) Sobre as propostas seleccionadas.
Neste contexto no que a maioría das propostas foron eliminadas antes de ser valoradas, asumir a convención usual de encomiar a calidade dos cinco traballos seleccionados (entre oito) resulta imposible: cremos que todos estaremos dacordo en que a calidade xeral das propostas que se fixeron públicas é, por agora, claramente mellorable.
Sendo honestos, a nosa proposta, aínda sendo a máis valorada polo xurado, é posible que necesitara máis traballo ou definición para chegar a ser un dos proxectos seleccionados nun concurso de ideas “ideal” (se se entende como tal a cantidade e calidade, polo menos en termos de cm² de render por panel, dos traballos presentados nos concursos públicos pre-burbulla ou nos grandes eventos internacionais da arquitectura).
É certo que non se presentaron moitas propostas, seguramente porque a maioría dos equipos capaces de asumir un proxecto desta escala non participan en concursos que non impliquen un encargo posterior ou o respecto absoluto aos seus proxectos (non a súa inclusión nun banco de ideas municipal)***. Iso non é un problema, seguro que entre as dezaoito propostas presentadas había suficientes ideas de calidade, e seguro que se o concurso fora máis aberto teríanse recompilado outras ideas de moito interese.
Así que pola nosa banda, e seguro que pola de todos os equipos seleccionados, tentaremos avanzar e mellorar a proposta as próximas semanas para que a cidadanía poida debatir sobre temas concretos e o Concello poida dispoñer dese banco de ideas que comece a dar forma ao plan para o futuro do bordo litoral da cidade.
Respecto á nosa proposta, co lema “Porsuporto”, trátase como diciamos dun traballo en proceso, non dun plan preciso e finalista para o bordo litoral ao completo. Aínda que se representan formalizacións e usos específicos para todos estes terreos, entendémolos na súa condición abstracta: interésannos os tempos, as condicións urbanas xenéricas e os axentes representados. Deixando atrás a lóxica inmobiliaria dos famosos convenios de 2004, imaxinamos un porto que segue a ser porto e unha cidade que se infiltra para posibilitar, coma no dique de Abrigo, a vivencia sublime do infraestructural que se fixo urbano.
En canto á información pública provisional sobre a proposta, simplemente comentar que os tres paneis reflicten a estrutura temporal do proxecto, correspondendo o primeiro coa fase 1 “2020. As transformacións inmediatas, de baixo custo e provisionais”; o segundo coa fase 2 “2030. A apertura aos usos públicos e ás novas formas de mobilidade”; e o terceiro coa fase 3 “2050. O futuro incerto, pero público e con actividade portuaria”. En canto á memoria, comentar que contén moitos erros e problemas de redacción que fan difícil a lectura dalgúns dos apartados. Disculpen a complexidade innecesaria, tamén será unha das cousas a mellorar nas próximas semanas.
4) Sobre o papel da Corporación Voz.
Unha vez máis, os medios da Corporación Voz de Galicia tentan destruír un proxecto municipal á conta do descrédito público das persoas que participamos no concurso, tanto dos equipos técnicos como do xurado cuxa imparcialidade se puxo en dúbida, e a conta sobre todo da calidade da información que recibe a veciñanza: nin unha soa liña se publicou nestes medios sobre as ideas seleccionadas, só sobre os nomes e a ideoloxía en 2014 dalgunhas das persoas integrantes do equipo que desenvolvemos a proposta máis valorada polo xurado. Un xurado, por outra parte, moi amplo e no que participaron incluso os aliados políticos da Corporación Voz no debate sobre o futuro do porto: a Autoridade Portuaria, Puertos del Estado, a Xunta de Galicia e o PP local.
A información e o debate público sobre as ideas para o porto non parecen encaixar en absoluto coa axenda política implícita na liña editorial da Corporación Voz (por agora, oxalá cambien de criterio polo ben da cidade). Sempre xenerosos co poder que os subvenciona e implacables cos que consideran os seus inimigos, xa o fixeron máis veces en procesos onde podemos falar de primeira man: secuestraron e reduciron ata o absurdo o debate sobre a transformación da avenida de Alfonso Molina para falar de batracios e somieres en lugar de veciños e peóns; e silenciaron completamente o desenvolvemento dos proxectos do Laboratorio Cidadán da Coruña (Co-Lab): o noso en particular, Co urbanismo nos talóns, non foi mencionado en ningún momento a pesar de tratar un problema que afecta ou pode afectar a máis de mil veciños e veciñas da cidade. Persoas que, se só se informaron a través destes medios, perderon a oportunidade de entender o seu problema urbanístico particular como algo colectivo e facer comunidade coas veciñanzas na súa mesma situación.
O profesor Juan Luis Dalda tiña moi claro cal era o papel político da Corporación Voz na conformación das ideas populares sobre o territorio e o urbanismo da Coruña e de Galicia. Entre outras cousas, é por isto que, aínda que cada novo titular difamatorio supoña un golpe durísimo para o noso proxecto profesional, é todo o contrario para o nosa ambición e compromiso coa investigación urbana.
Deixamos de queixarnos, disculpen a tabarra. A traballar e a apoiar o ecosistema dos outros medios como Praza Pública, O Salto Galiza, Cuac FM, Sermos Galiza, adiante.gal, EntreNós, Galicia Confidencial, Luzes ou Galiza Contrainfo!
1 comentario