site

«COMÚNS URBANOS: A experiencia napolitana»
Conversa aberta, o venres 25 de maio ás 19:00h na Fundación Luis Seoane (A Coruña)
[SUSPENDIDO]


Actualización do 23 de maio de 2018:


CSOA_A_Insumisa_23-05-2018


Esta é a imaxe de hoxe no CSOA A Insumisa.

Agora mesmo non temos moito máis que dicir que isto:



Por suposto, pedímosvos desculpas a Giuseppe, Marguerita e Ana, encantaríanos poder aprender e debater con vós. Noutra ocasión será!


Publicación do 21 de maio de 2018:


comúns_urbanos_cartaz


Este venres 25 de maio estaremos na Fundación Luis Seoane para participar na conversa aberta «Comúns urbanos: A experiencia napolitana» xunto a Giuseppe Micciarelli e Margherita D’Andrea (Nápoles) e Ana Méndez de Andés (Madrid).

Dada a singularidade do momento actual con respecto aos “comúns urbanos” na Coruña, é preciso remarcar que a nosa participación neste foro non implica de ningún xeito o apoio á estratexia do goberno municipal para encarar o seu conflito co CSOA A Insumisa. Entendemos que a vía aberta pola experiencia napolitana é tremendamente potente e ilusionante, mais non pode ser a única posibilidade para que estes bens comúns (como os centros sociais autoxestionados e/ou okupados) sexan sustentables no contexto actual das nosas cidades.

Cremos que é indispensable pensar este conflito cunha maior ambición política, é dicir, entendendo a necesidade de dar espazo a unha “ecoloxía de utopías” na cidade que acolla tamén a lexitimidade da diferenza radical, unha cuestión que podería traballarse a partir dunha sorte de “teoría da retagarda” capaz de reaccionar ante os procesos sociais existentes e non só segundo programas ou plans predefinidos. Interésannos estes dous conceptos, introducidos por Boaventura de Sousa Santos nunha entrevista publicada hai uns días, porque, en realidade, non veñen máis que a falar de búsquedas transversais a moitos dos pensamentos contemporáneos valorados por unha parte das veciñanzas que respetan ao partido que goberna a cidade e convoca o evento, mais tamen por boa parte da comunidade arredor do centro social okupado: desde Ramón Grosfoguel a Marina Garcés, desde Manuel Delgado a Yayo Herrero, desde David Fernández a Silvia Federici.

Sexa como sexa, esta conversa aberta servirá para coñecer a interesantísima “revolución xurídica dos bens comúns” que se está a experimentar en Nápoles nos últimos anos. Pola nosa banda, tentaremos introducir tamén as posibilidades do “distrito do común” formulado na proposta inicial de reorganización do municipio da Coruña en distritos, debater sobre as semellanzas e diferenzas entre o concepto de “comúns urbanos” e os nosos montes comunais en man común e, sobre todo, axudar a que se siga pensando colectivamente como evitar a senrazón e a inxustiza á que semella abocado o proceso social representado polo CSOA A Insumisa* na Coruña.


* Unha análise inicial da cuestión específica da Insumisa e do noso posicionamento ao respecto pódese consultar no artigo «CSOA A Insumisa: Actualidade, necesidade, continuidade» e na entrevista-conversa «A difícil relación entre o goberno da Marea Atlántica e o Centro Social Ocupado A Insumisa» (O Salto Galiza, 16/01/2018). Ademais, tamén se poden consultar as publicacións realizadas durante estes meses no Twitter coa etiqueta #CSOAInsumisa.


comments are off for this post

Comments are closed.