archive for 10-2026
A dualidade urbano-urbanístico na representación da cidade / 15-10-2026 / E.T.S. de Arquitectura, UDC
Este xoves 15 de outubro participaremos no foro Disidencias gráficas – Ferramentas para interpretar o mundo actual que se celebrará na E.T.S. de Arquitectura da UDC entre as 12:00 e as 14:00 h, organizado polo profesor Plácido Lizancos do Departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica, e no que tamén intervirán dúas persoas das que admiramos moito o seu traballo, Iria Sobrino e Antonio Giráldez.
A nosa intervención titularase “A dualidade urbano-urbanístico na representación da cidade”. Compartimos a continuación unha breve introdución:
A dualidade urbano-urbanístico na representación da cidade
Xa nos entendamos como parte da posmodernidade ou dunha modernidade matizada con calquera dos múltiples adxectivos ou preposicións que certifican un novo estado das cousas, o certo é que as clásicas concepcións diferenciais como urbs-civitas, cidade concibida-practicada, material-social ou natureza-cultura foron reformuladas polo coñecemento humano. Así, o que temos máis ben é unha condición máis próxima á da dualidade onda-partícula, onde estes pares non serían tanto conceptos diferenciais autónomos ou condicións temporais dunha mesma realidade, senón un continuo, unha descrición dun mesmo fenómeno no que o tipo de busca e o aparato de medición é o que determina o que se manifesta. Desde a perspectiva da súa análise, non hai unha realidade urbana previa á representación, senón que é a representación a que determina que realidade percibimos a través dos instrumentos, categorías e puntos de vista empregados. Porén, o debuxo da cidade segue a ser moitas veces alleo a esta concepción reformulada, xa que durante séculos estivo centrado nos elementos máis entendibles como materiais, físicos ou permanentes, é dicir, aqueles máis operativos desde a lóxica espacial moderna que anhelaba unha representación totalizante e neutral.
A presentación será unha introdución a algunhas das vías que temos explorado desde Ergosfera para abordar esta formulación da realidade urbana. Neste caso, enunciando o par como o urbano e o urbanístico e reflexionando sobre que e como representar para dar conta da complexidade das vidas contemporáneas nas cidades. A partir da exposición de varios traballos desenvolvidos nos últimos anos, explicitaranse algúns dos movementos que atravesan a nosa práctica:
– Ampliar o que se considera uso urbano: a cartografía dos usos formais e informais que acolle a cidade.
– Ampliar o que se considera arquitectónico-urbanístico: a análise de formas e espazos urbanos sen relevancia disciplinar pero con características ou usos populares do máximo interese (espazos infraestruturais, polígonos industriais, estradas-rúa, franquías transnacionais, estacións de servizo, ruínas, descampados, etc.).
– Ampliar os puntos de vista desde os que se analiza a cidade: o estudo do global desde o local, o xenérico desde a identidade e a funcionalidade, o baleiro como cheo de feitos e de potencias, o morto como non-morto (vivo), a vida como humana e non humana, o tempo como memoria, espectro e latencia, as relacións de poder como eixo fundamental case sempre invisibilizado, etc.
– Ampliar as formas de representar: a complexización da cartografía mediante diagramas e infografías que mesturan datos e representacións múltiples, así como a experimentación coas novas ferramentas dixitais para engadir interactividade, movemento e multimedialidade.
– Ampliar as formas de tratar ao capitalismo: ademais dun posicionamento crítico contra toda forma de opresión e desigualdade, complementar a defensa cunha posición ofensiva e co roubo, é dicir, traballar cara a apropiación do valor social, espacial ou cultural dos produtos urbanos capitalistas sen aceptar que sexa o capitalismo o que teña a última palabra sobre o seu significado e o seu futuro.
Pensaremos así sobre unha representación que avance cara ese entrelazamento conceptual e que permita visualizar o que hai de urbano e urbanístico nun edificio, nun graffiti, nunha lei, nunha cámara de videovixilancia, nun preservativo tirado, nunha praza, nun descampado, nunha reunión adolescente ou nun xubilado mirando unha obra. Sempre baixo a premisa de avanzar na cartografía como un medio máis de coñecemento e de encantamento da cidade (o mapa que describe tanto como produce realidade), mais sendo conscientes da contradición inherente á propia cartografía como ferramenta, xa que, aínda sendo sempre parcial, ten o perigo de converter a vida urbana nun obxecto representable, clasificable e, polo tanto, gobernable.
Sin comentarios



