site

Obradoiro: A vida urbana a través das súas pegadas, o traballo de campo e a cartografía / 16-10-2026 / Santiago de Compostela



Como parte dos Seminarios Formativos da AGANTRO – 2026, o próximo 16 de outubro desenvolveremos un obradoiro titulado “A vida urbana a través das súas pegadas, o traballo de campo e a cartografía”.

O obradoiro desenvolverase entre as 17:00 e as 20:00 h no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. Compártese a continuación unha breve descrición:


    A vida urbana a través das súas pegadas, o traballo de campo e a cartografía

    Aínda que cada vez temos máis recursos dixitais para analizar a vida dos espazos urbanos contemporáneos, a observación dos propios usos que acollen e a identificación das súas pegadas seguen a ser unha fonte de información fundamental, ás veces única, para coñecer o que acontece nas cidades. O obradoiro formulado será unha introdución ás metodoloxías e ferramentas empregadas por Ergosfera para investigar territorios e fenómenos urbanos de múltiples escalas. Tratarase así dunha explicación práctica do aprendido a través dos proxectos desenvolvidos desde 2006 na que se comentarán as posibilidades que foi abrindo o mundo dixital, as formas que pode tomar o traballo de campo e as ferramentas para a documentación gráfica e a liberación pública do coñecemento construído, especialmente desde a cartografía. Se o clima o permite, unha parte do obradoiro desenvolverase no exterior do Museo do Pobo Galego, paseando pola súa contorna en busca de elementos, prácticas e marcas urbanas significativas e con información de interese etnográfico e antropolóxico.


Pódese consultar o programa completo e facer a inscrición previa (necesaria pero gratuíta) nos catro seminarios programados este ano na páxina web da AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía).
Sin comentarios

Sin comentarios todavía