A Doca de Baiona: xeografía, infraestrutura e espazo urbano
Entre outubro de 2025 e marzo de 2026 estivemos a colaborar con ZEMOS98 no desenvolvemento do proxecto “Imaxinar A Doca, pensar o común”, un proceso participativo de mediación coa cidadanía baionesa para o co-deseño da temática dun novo mural urbano que se vai realizar na Doca, o dique de abrigo ou espigón de protección do porto e do bordo costeiro de Baiona que funciona como espazo público desde a súa construción a mediados do século XX.
A iniciativa desta intervención artístico-urbana, que comezará tras o desenvolvemento deste proceso de mediación e investigación, xurdiu a través do “convenio de colaboración para a adecuación da Doca do porto de Baiona” asinado en 2025 entre o Concello de Baiona, Portos de Galicia e a Fundación Sabadell.
O noso traballo consistiu na realización dun estudo sobre A Doca desde múltiples perspectivas (xeográfica, infraestrutural, urbana, arquitectónica, histórica, funcional e cultural), desenvolvido a partir da investigación bibliográfica e arquivística, o traballo de campo e a recollida dos saberes e imaxinarios colectivos sobre un espazo moi recoñecido e vivido pola veciñanza. Ademais, colaboramos nalgunhas das actividades participativas deseñadas e desenvolvidas por Natalia Balseiro e Sofía Coca de ZEMOS98: reunións de traballo con axentes locais de todo tipo, obradoiros e presentacións do proceso coa veciñanza e un paseo comentado pola contorna da Doca coa rapazada dos colexios de Baiona na xornada final.
A DOCA
A Doca é o dique de abrigo ou espigón de protección do porto e do bordo costeiro de Baiona, é dicir, trátase dunha infraestrutura de escala xeográfica que transformou o territorio para facelo máis facilmente habitable polas persoas e algunhas das súas actividades. Pero ademais dunha infraestrutura, A Doca é un espazo urbano vivido pola cidadanía desde a súa creación, un lugar que xa forma parte da memoria de varias xeracións de baioneses e baionesas que viviron nela experiencias importantes das súas vidas: tempos de amizade, sol, baño, pesca, paseo, clandestinidade, etc.
Debido a esta orixe e presente infraestrutural, trátase dun espazo urbano cunha forma moi singular, mais tamén cunhas condicións moi marcadas pola súa situación como parte do Monte Boi, un lugar moi especial e relevante na historia e na dinámica urbana actual de Baiona: A Doca é así un lugar en constante transformación, un espazo disputado entre os usos do mar e da terra, entre o público e o privado, e entre as actividades formais e as informais.
Neste sentido, A Doca é unha parte máis da rede de espazos públicos de Baiona: un lugar usado, lembrado e representado pola cidadanía, que participa dos múltiples procesos e conflitos urbanos que definiron a vida en Baiona no último século. Un lugar cun pasado e un presente fascinantes ao que é moi difícil facerlle xustiza desde un traballo de investigación tan limitado no tempo, pero que en todo momento foi tratado co mesmo respecto e curiosidade que se lle dedicaría á análise de calquera outra xoia urbana ou patrimonial de Baiona.
O INFORME E OS MATERIAIS GRÁFICOS
O informe final entregado como resultado do traballo, titulado “A Doca de Baiona: xeografía, infraestrutura e espazo urbano”, estrutúrase do seguinte xeito:
Un capítulo inicial de introdución ao informe e a Baiona.
Breve introdución aos contidos do informe e a Baiona como contexto no que se sitúa A Doca, tanto desde a perspectiva demográfico-turística como desde a urbano-territorial.
Oito capítulos de análise da Doca desde diferentes perspectivas:
– A baía de Baiona e A Doca como xeografía
– O porto de Baiona e A Doca como infraestrutura
– A Doca como parte da rede de espazos libres públicos de Baiona
– A Doca no contexto urbano da península do Monte Boi
– A Doca como arquitectura
– A historia da Doca
– Os usos populares da Doca
– A Doca desde a perspectiva cultural
A análise da Doca ten como obxectivo axudar a coñecer a historia e o presente dun lugar que vai ser transformado por unha intervención artística: un mural sobre un muro de case 350 metros cunha importante visibilidade desde o bordo costeiro da cidade. Porén, se ben o informe tiña como destinataria principal á persoa que deseñaría o mural (finalmente a artista baionesa Lula Goce), así como un marco establecido no convenio administrativo do que xurdiu o encargo en torno á idea de “mural con temática mariñeira”, desde un primeiro momento entendeuse tamén como un documento con vontade pública e cun interese que superase esta intervención concreta e puntual sobre A Doca. É dicir, tratouse de aproveitar a oportunidade que ofrecen este tipo de iniciativas artísticas cando incorporan procesos de mediación profesional, así como tempo e recursos para a investigación, para achegar materiais útiles para o debate sobre Baiona en xeral, partindo ademais do recoñecemento de que as próximas intervencións sobre A Doca ou a súa contorna probablemente non contarán con ningún tipo de estudo urbano previo, como adoita acontecer nas obras públicas e privadas.
Así, o estudo realizado e compartido nestes oito capítulos do informe é un intento de abordar a introdución a unha gran variedade de temas arredor da Doca para que, en conxunto, permitan ler a súa riqueza e ampliar as posibilidades de imaxinación tanto da persoa finalmente encargada de deseñar e pintar o novo mural, como dos axentes e institucións públicas interesadas e da cidadanía baionesa en xeral. Neste sentido, é preciso recoñecer unha certa dificultade na lectura desta parte do documento pola priorización do seu alcance fronte á súa finalización, xa que non foi posible rematar a documentación gráfica a tempo para a entrega: faltarían por introducir unha selección tanto das máis de duascentas imaxes históricas sobre A Doca que se recompilaron durante o proceso de investigación en hemerotecas e arquivos, como das fotografías propias realizadas durante o traballo de campo en Baiona (desenvolvido durante sete días entre novembro de 2025 e febreiro de 2026).
Por último, tamén é necesario destacar que, dado que a cuestión dos graffiti como forma de comunicación informal na cidade é un tema do máximo interese urbano, en todo momento partiuse do recoñecemento do valor dos graffiti actuais do muro da Doca como unha parte máis da súa realidade material e dos usos que acolle, introducindo suxerencias veladas á posibilidade de integración parcial dalgúns dos seus tramos ou pezas existentes na obra de arte que se formule como última fase deste proceso (e que decidirá finalmente a persoa seleccionada polo Concello para realizar o mural).
Un capítulo final sobre o proceso de mediación e participación cidadá.
A listaxe das persoas e entidades que participaron no proceso, a explicación das actividades públicas realizadas e un resumo estruturado das principais conclusións, temáticas e ideas que xurdiron nestes encontros, entrevistas, obradoiros e xincana desenvolvidas durante o proceso de mediación en Baiona.
Anexos cos materiais gráficos producidos.
O conxunto de materiais gráficos producidos está composto por diferentes tipos de documentos: a maioría son cartografías expresamente realizadas para o informe nas que se representan os diferentes contextos dos que forma parte A Doca (centradas no obxecto de estudo, pero que falan da realidade urbana e territorial de Baiona dunha forma ampla co obxectivo de que sexan útiles máis alá deste proceso de mediación); outros son gráficos realizados como materiais de apoio para o traballo individual e colectivo nalgunhas das actividades do proceso participativo (documentos máis centrados nos usos populares da Doca que permitan soster conversacións coa cidadanía sobre aspectos concretos da súa realidade material e función simbólica); e outros son materiais complementarios sobre cuestións específicas da investigación realizada, como unha liña do tempo para representar a historia da Doca como un proceso complexo e en continua transformación, ou como a documentación fotográfica dos graffiti que acollía o muro do espaldón da Doca durante o desenvolvemento deste estudo.
DESCARGAS
Moitísimas grazas a Natalia Balseiro e a ZEMOS98 por ternos involucrado neste proxecto. Estivo xenial poder participar e aprender do proceso de mediación e para nós foi unha oportunidade marabillosa para coñecer e namorarnos de Baiona (un lugar que ata este momento só interpretabamos desde o coñecemento superficial e os prexuízos), mais tamén para seguir estudando moitos temas urbanos de interese: as urbanidades galegas contemporáneas; o turismo como realidade conflitiva, pero tamén transformadora, identitaria e xeradora de cousas urbanas (como continuación dos estudos centrados en Santiago de Compostela e Benidorm); a persistencia e diversidade dos usos informais nas exterioridades urbanas; a urbanidade dos espazos de orixe infraestrutural nos ámbitos portuarios; ou a xa mencionada práctica do graffiti como forma de comunicación urbana.
Por último, agradecemos tamén moito a colaboración e a amabilidade de todas as persoas coas que nos reunimos ou falamos sobre A Doca durante o traballo en Baiona, tanto das institucións públicas máis vinculadas ao proceso (o Concello de Baiona e Portos de Galicia), como das organizacións civís e da veciñanza en xeral. E especialmente, agradecemos a implicación e a sesión de traballo que puidemos desenvolver con Anxo Rodríguez Lemos (historiador e cronista oficial de Baiona), que foi crucial para acceder a algúns datos importantes e para calibrar a escala histórica de Baiona e da contorna da Doca.
Sin comentarios
Sin comentarios todavía






