As vivendas de uso turístico no municipio da Coruña
Desde finais de 2023 estivemos a colaborar coa Delegación da Coruña do COAG realizando un seguimento cartográfico das Vivendas de Uso Turístico (VUT) no municipio da Coruña e preparando unha serie de materiais de traballo como apoio para a súa participación na mesa de diálogo sectorial organizada polo Concello da Coruña.
Os materiais producidos ata agora consistiron, por unha parte, nun informe de traballo titulado “As vivendas de uso turístico na Coruña: estado actual, análise de casos e propostas para a súa regulación” (xaneiro de 2024), realizado como documento de apoio para as sesións de estudo do grupo de traballo sobre vivenda da Delegación da Coruña do COAG; e por outra parte, nun conxunto de documentos gráficos, principalmente cartografías, sobre a situación do fenómeno na cidade realizados a partir dos datos públicos sobre as VUT a 1 de xaneiro de 2024, 2025 e 2026.
Este ano recompilamos e homoxeneizamos as cartografías realizadas ata o momento para permitir a súa comparativa. Neste sentido, é preciso recoñecer que esta observación en conxunto sería moito máis expresiva se se fixera desde 2017, que é cando comezaron a publicarse os datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (REAT) elaborado por Turismo de Galicia (Xunta de Galicia), xa que a variación nestes dous anos entre as tres datas estudadas non é demasiado significativa como se pode observar no gráfico da evolución temporal do número de VUT.
Os materiais gráficos producidos ata agora como parte deste proxecto son os seguintes:
- Evolución do número de Vivendas de Uso Turístico (VUT) no municipio da Coruña
- Situación das VUT no municipio da Coruña
- Distribución das VUT no municipio da Coruña (mapa de calor)
- Distribución das prazas en VUT no municipio da Coruña (cuadrícula de 100×100 m)
- Número de VUT nas seccións censuais do municipio da Coruña
- Número de habitacións en VUT nas seccións censuais do municipio da Coruña
- Número de prazas en VUT nas seccións censuais do municipio da Coruña
- Número de prazas en VUT por cada 100 habitantes nas seccións censuais do municipio da Coruña
Un grafico xeral:
Sete cartografías de cada un dos anos analizados (2024, 2025 e 2026):
Desde a páxina web da Delegación da Coruña do COAG pódese descargar un documento que prepararon para facilitar a comparación das cartografías realizadas estes tres últimos anos:
E a continuación pódese descargar o conxunto dos documentos gráficos en diferentes formatos:
Seis anos despois da primeira inclusión nun programa político da necesidade de regulamentación das VUT e algo máis de dous anos desde a posta en marcha da mesa de diálogo sectorial organizada polo Concello, en xuño de 2025 aprobouse por fin a Ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico da Coruña. Unha normativa coa que deuse un paso moi importante para a transformación do modelo que permitiu un crecemento continuo de VUT con cifras de incrementos anuais enormes (entre 2017 e 2024 o mínimo foi un 24 % anual). Xa a partir da terceira reunión da mesa de diálogo en outubro de 2024 comezou o estancamento do número de VUT no municipio, aínda que tras un ano e medio desde ese momento e nove meses desde a aprobación da ordenanza reguladora, o ritmo de recuperación de vivendas para o mercado do alugueiro residencial ou, como mínimo, o ritmo de desaparición de VUT da listaxe oficial do REAT, non parece que se corresponda coa realidade normativa vixente.
A cuestión das VUT segue a ser polo tanto un tema de traballo relevante para conseguir que o consenso social e político sobre a necesidade da súa regulamentación sexa máis amplo, xa que a ineficacia por agora da nova normativa da Coruña parece estar causada en gran medida por unha vontade municipal limitada na súa aplicación e, sobre todo, pola falta de apoio da Xunta de Galicia. Así, aínda que o impacto das VUT no acceso popular á vivenda (pola redución do parque de viviendas dispoñible para alugueiro residencial e polo incremento xeral dos prezos da vivenda en alugueiro) é xa un consenso científico e incluso xurídico (non político), os impactos do fenómeno son varios (na convivencia nos propios edificios, na vida urbana dos barrios sobresaturados ou nas economías públicas e privadas da cidade) e, polo tanto, tamén son diversas as perspectivas desde as que se poden analizar as VUT.
Os materiais aquí compartidos son só unha pequena achega ás cuestións cuantitativas máis básicas para comprender o fenómeno e facilitar que xurdan outros estudos e proxectos sobre as vivendas de uso turístico na Coruña, tanto a nivel institucional como veciñal, popular ou activista.
Moitas grazas a Ruth Varela e a Emilio Rodríguez (presidenta e secretario da Delegación da Coruña do COAG) pola oportunidade de colaborar neste proxecto e, sobre todo, por poñer a unha institución tan relevante a traballar nos asuntos urbanos conflitivos e con impacto social, posicionándose ademais dun xeito que permite percibir ao COAG como unha institución ao servizo do interese xeral e non só do gremial.
E moitas grazas igualmente a Benedito Álvarez, tanto pola súa constante dispoñibilidade para a consulta de todo tipo de dúbidas sobre cuestións urbanísticas e xurídicas, como polo enorme traballo de difusión dos datos públicos a da problemática das VUT que ven desenvolvendo estes últimos anos a través das súas redes sociais.
Sin comentarios
Sin comentarios todavía



