site

Exposición “A Coruña Porto Negreiro” e cartografía do proxecto “A Coruña entre memorias”

A Coruña Porto Negreiro


Hoxe xoves 18 de decembro inaugúrase no MUNCYT a exposición A Coruña Porto Negreiro, unha mostra sobre a memoria colonial e escravista da cidade que forma parte do proxecto A Coruña entre memorias: Historia, colonialismo e identidade dirixido por Cristina Botana e Zinthia Álvarez Palomino.

Estes últimos meses estivemos a colaborar no proxecto nos traballos de investigación histórico-urbana e no deseño e desenvolvemento dunha cartografía dixital coa que compartir os resultados acadados ata o momento.

Para nós está a ser un traballo interesantísimo que nos permitiu descubrir e revisar moitos materiais documentais e cartográficos sobre a cidade e coñecer máis en profundidade o proceso de transformación urbana da Coruña nos séculos XVIII e XIX. A partir da identificación dos personaxes e das grandes familias relacionadas coa trata e o negocio colonial, así como das persoas escravizadas que viviron na cidade e das que se dispón de documentación nos arquivos, cartografiáronse os elementos que conformaban o contexto urbano desta realidade: os equipamentos, as infraestruturas, as casas comerciais, as vivendas ou os espazos sociais nos que se inscribían as prácticas coloniais na Coruña.

Unha representación que, ademais da súa funcionalidade para a divulgación e a investigación histórica, ten obxectivos plenamente vinculados co presente: identificar e recuperar a memoria colonial materializada na cidade contemporánea; visibilizar os fíos condutores entre os nomes e clases sociais dominantes no pasado cos do presente; e posibilitar unha análise da actualidade desde a súa comparativa cun periodo histórico, non tan lonxano, pero onde as relacións entre os poderes públicos e privados coa cidade e o espazo urbano pódese xa estudar con perspectiva.

A inauguración da exposición será hoxe xoves 18 ás 19:00 h no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña. Vémonos por alí!






Onte veu moita xente á inauguración da exposición no MUNCYT (que será visitable ata febreiro de 2026) e xa están operativas a páxina web e a cartografía dixital do proxecto:




VER EN PANTALLA COMPLETA


E nesta entrevista ás directoras de A Coruña entre memorias, Cristina Botana e Zinthia Álvarez Palomino, pódese profundizar máis nas orixes, os obxectivos e o desenvolvemento do proxecto: “Non queremos facer un xuízo a ningunha familia, o tráfico de escravos en Galicia foi sistémico” (Praza.gal, 19/12/2025).


Sin comentarios

Sin comentarios todavía