site

ROTEIRO POLA CORUÑA como parte das I Semanas Metodolóxicas en Ciencias Sociais – Da innovación ao campo / 03-04-2025

Renovación Urbana e Rexeneración Urbanística


O próximo xoves 3 de abril guiaremos un roteiro pola Coruña como parte das actividades das I Semanas Metodolóxicas en Ciencias Sociais – Da innovación ao campo, organizadas polo Máster MIAS (Métodos Avanzados de Investigación e Innovación na Análise Social) coa colaboración da Facultade de Socioloxía, o GET (Grupo de Estudos Territoriais) e a OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da Universidade da Coruña. Moitas grazas pola invitación ao profesor da Facultade de Socioloxía e coordinador do Máster MIAS José Antonio Cortés!


[ Programa completo de actividades ]


MAPA DO PERCORRIDO E DAS PARADAS DO ROTEIRO






INTRODUCIÓN AO ROTEIRO


O roteiro consistirá nun percorrido de 7 km que partirá da Facultade de Socioloxía no Campus de Elviña da UDC ás 16:30 h e rematará nas Atochas sobre ás 20:00 h, tendo planificadas oito paradas nas que se comentarán as seguintes cuestións urbanas:


    P-1.- O TRANSXÉNICO E A MESTURA PERIFÉRICA

    • A idea do transxénico (Álvaro Domingues, 2008): unha ferramenta para ler as formas urbanas periféricas como algo novo e de futuro non preestablecido.

    • O lavadoiro de Lamelas ou da Braña (19XX): arquitectura da auga que fai emerxer a estrutura hidrolóxica do territorio e que hoxe subsiste en proceso de ruína como un dos múltiples casos de singularidade urbana e contemporaneidade entre as trazas preindustriais do núcleo de Someso.

    • O polígono de Someso (2004-Actualidade): os tempos impredecibles do urbanismo e a experiencia do modelo Dubai na Coruña.


    P-2.- A URBANIDADE DO INFRAESTRUTURAL

    • O oleoduto da Coruña (1964): un espazo urbano do presente e un lugar dentro pero fóra da cidade.

    • Os espazos baixo a autovía AC-14 (2015): as condicións arquitectónico-urbanas do “debaixo da ponte” e a posibilidade do sublime.


    P-3.- OS TECIDOS URBANOS NON RESIDENCIAIS E OS ESPAZOS GLOBAIS

    • A Agrela: un expolígono e hoxe barrio onde se materializan moitas das posibles calidades urbanas dos tecidos non residenciais.

    • As igrexas evanxélicas en naves industriais: a capacidade de acollida dun territorio aberto á mixticidade urbana.

    • O McDonald’s da Agrela (2010): o recoñecemento da condición pioneira e da urbanidade dos espazos xenéricos e globais.


    P-4.- OS NOVOS ENTENDEMENTOS DA CONDICIÓN PATRIMONIAL FRONTE Á CEGUEIRA URBANÍSTICA

    • A última vivenda da rúa Porto Rico (1934) e as medianeiras que a acompañan (1977 e 1996): a idea do patrimonio relacional ou maquínico, composto por varios elementos que xeran unha condición urbana diferencial e con valores históricos.

    • As vivendas da Agra dos Mallos (1920, 1930, 1940 e 1953): un conflito urbanístico derivado dunha interpretación anacrónica da modernidade.


    P-5.- RIQUEZAS E VIOLENCIAS DOS PROCESOS DE TRANSFORMACIÓN URBANA

    • Os Mallos: un barrio popular en proceso de transformación onde se teñen experimentado múltiples formas de violencia urbanística.

    • O territorio entre as roldas: as migracións e a súa pegada urbana como elemento chave da riqueza e da idea de gran cidade.

    • A avenida dos Mallos: mestura tipolóxica e outras condicións de grandeza urbana.


    P-6.- A ARQUITECTURA-CIDADE

    • O edificio Trébol (1975): achegas urbanas desde a complexidade formal e programática dos espazos privados de acceso público, xa sexa este continuo (galerías comerciais interiores e plataforma-retranqueo cara a rúa Juan Flórez) ou esporádico/controlado (plantas diáfanas intermedias e azotea).


    P-7.- OS DEBATES URBANOS CONTEMPORÁNEOS

    • O futuro dos terreos portuarios da Coruña: a idea de espazo en reserva e de oportunidade continua desde a historia dos xardíns do Recheo.

    • O museo da Fundación MOP (2021): impactos materiais, axencia sociocultural e hexemonía simbólica e mediática.


    P-8.- A NOITE

    [Un triángulo urbano calquera desde o que pensar as horas B da cidade]

    • O bar O Reventón (XXXX): a diferenza tipolóxica (edificio de 1902) no marco dos conflitos pola vida nocturna. >>> [00:00-03:00 h]

    • O pub Área Crítica (1985-2023): cotiandade e memoria nocturna. >>> [03:00-06:00 h]

    • O after La Tata (2018/19): a cidade é cidade as 24 horas. >>> [06:00-09:00 h]


Ademais destes temas concretos, en cada unha das paradas comentaráse igualmente o papel que teñen no estudo destes fenómenos e realidades urbanas visitadas cuestións metodolóxicas como a observación redundante durante o traballo de campo; o contacto coa cidadanía de xeito informal, en espazos de reflexión colectiva ou a través de procesos participativos máis complexos; os estudos históricos desde o contexto sociocultural, a autoría técnica, a propiedade catastral ou as planimetrías e ortofotografías históricas; a búsqueda de información nas hemerotecas e outras fontes contemporáneas como as redes sociais, as plataformas de IA xenerativa ou os portais de transparencia; ou a cartografía e a fotografía como ferramentas básicas de documentación urbana.


Sin comentarios

Sin comentarios todavía