O porto interior da Coruña: un espazo de oportunidade para hoxe ou para sempre? / Fórum Metropolitano (A Coruña) / 18-11-2024 (19:00 h)
Este luns 18 de novembro, a partir das 19:00 h, participaremos en Construíndo soños, un ciclo temático e mostra bibliográfica sobre arquitectura organizado pola Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano, cunha presentación titulada “O porto interior da Coruña: un espazo de oportunidade para hoxe ou para sempre?”.
Introdución á presentación
O debate sobre o futuro dos terreos portuarios da Coruña é probablemente o máis importante a nivel urbano na actualidade, xa que determinará dun xeito moi significativo o devir da cidade: o impacto das decisións que se tomen nos próximos meses ou anos excederá por séculos aos ciclos políticos municipais, autonómicos, estatais e europeos. Neste contexto, esta presentación será unha achega ao debate sobre o papel do porto interior como peza clave no centro da área metropolitana da Coruña: un solo público e un espazo urbano contemporáneo de gran singularidade, a nivel local e global, que é posible interpretar de xeitos moito máis ambiciosos que os que se están a formular desde as administracións e institucións con máis voz na conversa pública.
Partindo dalgunhas das reflexións que xurdiron e guiaron o desenvolvemento da proposta PORSUPORTO (realizada en 2018-2019 xunto a Hábitat Social, Flu-or e Damián Romay para o concurso de ideas para a transformación dos terreos portuarios da Coruña), seis anos despois e nun contexto político e sociocultural moi diferente, nesta charla exporanse con máis calma, pero cunha estrutura similar, as cuestións introducidas hai uns meses na mesa do Debate sobre usos da fachada marítima (Circo de Artesáns, 08-07-2024): comezando cunha pequena explicación de porqué non cremos que sexa adecuado o uso que se está a facer na conversa pública de conceptos como “fachada marítima” ou “espazo de oportunidade” e organizando a presentación arredor da idea do mantemento do dominio público (non patrimonial) do 100% dos actuais terreos portuarios como obxectivo prioritario neste momento do debate colectivo.
Sin comentarios
Sin comentarios todavía



