site

XEOGRAFÍAS RARAS: REIMAXINAR OS TERRITORIOS URBANOS NUN PLANETA ALTERADO / 8-12 de xullo / Facultade de Xeografía e Historia, USC

Xeografías raras: reimaxinar os territorios urbanos nun planeta alterado


A próxima semana participaremos no curso de verán Xeografías raras: reimaxinar os territorios urbanos nun planeta alterado, un encontro que se celebrará entre o 8 e 12 de xullo na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e do que formaremos parte xunto a cinco investigadores do máximo nivel: Brais Estévez, María Novas, Cristina Botana, Antonio Giráldez e Gloria Cecilia dos Santos Figueiredo.

O obxectivo do curso é avanzar entre todes e coas persoas asistentes no estudo das realidades urbanas e xeográficas que permiten pensar hoxe as derivas planetarias cun certo optimismo crítico, a partir de seis liñas temáticas seleccionadas pola súa relevancia á hora de entender os retos e imaxinar procesos de transformación da cidade contemporánea: o novo réxime climático, os feminismos, os saberes subalternizados, o xenérico, o poder e o conflito.


Introdución á sesión O XENÉRICO (martes 9 desde as 16:00 ás 19:30 h)

A sesión que guiaremos desde Ergosfera propón unha reflexión sobre o xenérico a partir do estudo dos usos populares, principalmente informais, que acollen dous dos tipos de espazos urbanos que materializan hoxe ese concepto: por unha parte, os espazos infraestruturais (nós e bordos viarios, espazos baixo pontes e viadutos, grandes áreas de aparcadoiro, devasas, oleodutos, etc.), e por outra, os espazos globais (fundamentalmente os establecementos de franquicias transnacionais de comida rápida e hostalería e as estacións de servizo).

Tres décadas despois da publicación de A cidade xenérica (Rem Koolhaas, 1995), o xenérico revelouse como un concepto urbano ambivalente a través do cal se vehicula a substitución ou a destrución da identidade (a lectura quizáis máis hexemónica a nivel científico), pero tamén a aparición de espazos de liberación da identidade abertos á territorialización popular, tanto en forma de usos efímeros máis e menos casuais como de procesos con certa continuidade e capacidade de consolidación.

Neste sentido, é moi significativo que sexa a mirada moderna a que rematou centrándose nos problemas que produce o xenérico a pesar de tratarse de realidades inequivocamente vinculadas á modernización*, mentres a crítica desde a perspectiva posmoderna, ao implicar o estudo dos impactos destes elementos, tamén posibilitou o recoñecemento de certos valores derivados precisamente desa condición radical modernizadora que, de forma ideal, non fai concesións ás particularidades locais e culturais dos territorios, pero que en canto se materializa no mundo non pode evitar ser lugarizada e comprendida como natureza por humanos e non humanos.

Unha vez teoricamente superadas as distincións absolutas entre natureza e cultura ou entre pasado, presente e futuro, é tamén necesario abordar o estudo de moitos dos produtos da modernidade, como os espazos xenéricos, desde o recoñecemento da continxencia da vinculación entre ciencia, modernización e capitalismo. Se as externalidades en forma das máquinas sociotécnicas que se compoñen con estes espazos da modernidade non foron tidas en conta (nin previamente planificadas, nin posteriormente capturadas) polo interese capitalista, entón a condición relevante destes lugares, ademais da singularidade das súas formas urbano-arquitectónicas (ás veces en uso e ás veces potenciais) é a de formar parte de laboratorios onde se proban formas de vida e socialización; onde, en definitiva, parece que se están a crear mundos nos que a autonomía e os comúns dispoñen de espazo e de tempo para xurdir e proliferar.

Nun contexto global de expansión do control urbano, de cuestionamento político-cultural da apertura das ideas posmodernas e de crecemento do fanatismo identitario en termos nacionais, raciais ou de clase, semella acaído retomar a reflexión sobre este concepto desde unha crítica urbana que sexa curiosa e permeable á potencia das realidades ordinarias que son capaces de acoller os espazos xenéricos.


* En realidade, isto cadraría co entendemento da modernización como algo que só pode ser verbo e que se é nome perde o seu sentido e agótase: a hipótese “a modernidade foi electrificación; a posmodernidade é electricidade” que tan suxerentemente describiu Pablo Batalla nun recente artigo (co que non estamos dacordo nin co seu enfoque nin coas súas conclusións, pero que é interesantísimo e a súa lectura é moi útil para seguir pensando na cuestión).


A maioría dos materiais que se comentarán durante a presentación inicial da sesión proveñen dos seguintes proxectos de investigación:


Sin comentarios

Sin comentarios todavía