Archivos de la categoría: [ 2019 ] O CAMPANARIO
Cartografía do contexto urbano do Campanario e pequeno texto sobre o seu futuro urbanístico (unha aportación ao obradoiro de aprendizaxe-servizo Arquitecturas Ambulatorias)
Compartimos a nosa pequena aportación ao traballo colectivo desenvolvido estes dous últimos meses en Arquitecturas Ambulatorias, o fantástico obradoiro de aprendizaxe-servizo co barrio do Campanario promovido e coordinado por Cristina Botana e Rocío Botana coa axuda da OCV da Universidade da Coruña.
Os resultados e as contribucións das persoas participantes no obradoiro quedaron recompilados nunha publicación dispoñible no Repositorio da Universidade da Coruña: Botana, Cristina e Botana, Rocío (coords.). Arquitecturas Ambulatorias: obradoiro de aprendizaxe-servizo co barrio de Campanario. A Coruña: Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións, 2019.
Pola nosa parte, ademais do acompañamento nun roteiro polo ámbito e unha pequena sesión de introdución aos temas urbanos e urbanísticos que están a definir o futuro do Campanario, a nosa aportación consistiu en:
– Unha cartografía do contexto urbano do barrio do Campanario, en tamaño A1 e descargable en formato imaxe (JPG / 24,5 MB) ou en formato vectorial, por capas e editable en calquera programa de debuxo para que se poida seguir traballando nela (PDF / 71,5 MB):
– Un pequeno texto sobre o futuro urbanístico do territorio onde se sitúa o barrio do Campanario:
Ergosfera, outubro de 2019
Unha vez máis, parece que comezan os movementos para o desenvolvemento dos plans urbanísticos na zona do Portiño, O Campanario e San Pedro de Visma.
En termos sociais e políticos, o único escenario xusto e razoable é que as veciñanzas afectadas teñan a posibilidade de participar no seu deseño e decidir o seu futuro: ben permanecer nos seus barrios, por suposto urbanizados e mellorados tras décadas de abandono municipal e paralización urbanística, así como coas vivendas precarias transformadas ou rehabilitadas; ben quedarse no ámbito, pero nunhas novas vivendas como fórmula de realoxo definitivo; ou ben calquera outra solución compensatoria ou habitacional coa que estean de acordo.
Desde a perspectiva urbanística e do interese xeral para A Coruña, non todas estas posibilidades son igual de desexables: o mellor para a cidade é que a gran maioría dos lugares e edificacións que conforman o ámbito permanezan onde están na actualidade, é dicir, que sexa o planeamento o que configure un proxecto urbano inclusivo. Non só porque non hai ningunha razón técnica para eliminar todo o que acontece nun territorio de medio millón de metros cadrados e xa habitado, senón porque en termos de singularidade urbana e arquitectónica, acolle como mínimo tres pezas cuns valores formais e históricos de grande interese patrimonial e completamente desprotexidas polo PXOM: o barrio do Campanario, as casetas de pescadores do Portiño e o conxunto de vivendas e camiños da Pedra da Barca e Resíos.
Se se pensa no futuro deste territorio, que sería un mundo interesante?
Sería un no que un gran corredor verde a media ladeira conecta os parques do Monte de San Pedro e Bens atravesando un barrio coa intensidade de vida de rúa, a historia, a escala e a composición formal do Campanario; un no que se pode pasar pola Pedra da Barca e Resíos por ese marabilloso trazado curvilíneo do camiño orixinal ao monte de San Pedro; un no que se pode sentir a vertixe de enfrontarse á paisaxe costeira desde o camiño peonil que dá forma á escala humana radical das casetas de pescadores do Portiño; un no que o val de Visma e algúns dos descampados da zona son mantidos como espazos de reserva funcional e produtiva, polo que poida pasar no futuro coas nosas necesidades e aspiracións ecolóxicas; un no que a gran maioría dos tecidos e construcións que hoxe compoñen o ámbito conforman xunto ás novas pezas un territorio rico e diverso en tipoloxías arquitectónicas, experiencias urbanas e memorias populares; un no que eses novos elementos son introducidos dun xeito progresivo, desbotando os tempos invasivos da práctica urbanística convencional e priorizando a resolución das carencias en termos do dereito á cidade das veciñanzas actuais, por exemplo, rompendo o seu illamento mediante conexións cos Rosales e San Pedro de Visma dun xeito digno e decididamente urbano.
Porque é bo para as persoas que habitan o ámbito na actualidade, se o seu desexo é quedarse e mellorar ás súas condicións de vida. Porque é bo para as veciñanzas dos futuros desenvolvementos, que chegarán a unha zona con actividade urbana desde o primeiro minuto, cunha rede de cotianidade xa tecida e con cousas e lugares con nome. E porque é bo para o interese xeral da cidade, que expandirá o dominio da súa urbanidade nun territorio que, sen dúbida, pode ser aínda máis interesante.
Comments are off for this post
ARQUITECTURAS AMBULATORIAS. Obradoiro de aprendizaxe-servizo co barrio do Campanario (A Coruña) /// Setembro – Outubro de 2019
As próximas semanas participaremos neste interesantísimo obradoiro de aprendizaxe-servizo co barrio do Campanario: o venres 20 de setembro a partir das 12:00h acompañaremos un roteiro pola súa contorna e o xoves 24 de outubro faremos unha introdución á súa urbanidade actual e aos seus posibles futuros urbanísticos e participaremos nos traballos e debates das conclusións do obradoiro.
Aínda está aberto o prazo de inscrición, que se pode facer desde aquí. E toda a información sobre o obradoiro pódese consultar aquí.
O percorrido do roteiro, duns 5 km e unhas dúas horas e media de duración, será o seguinte:
ACTUALIZACIÓNS POSTERIORES DO POST:
>>> Nova en La Opinión A Coruña: “Hablar antes de hacer en O Portiño” (18-09-2019).
>>> Algunhas fotografías do roteiro: Post do obradoiro (20-09-2019).
>>> Nova en O Salto Galiza: “Arquitecturas ambulatorias: pensar a cidade para todos os barrios” (02-10-2019).
Comments are off for this post