AGRELA
Obradoiro de exploración urbana


Actividade desenvolvida por Ergosfera como parte do programa Nocturnia impulsado pola Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá do Concello da Coruña
DURACIÓN
12 horas | 3 xornadas de 4 horas

DATAS
1ª xornada | Sábado 5 de xuño
2ª xornada | Sábado 19 de xuño
3ª xornada | Sábado 3 Venres 9 de xullo

HORARIO
16:00 - 20:00 h

LUGAR DE ENCONTRO
Igrexario da Agrela | Rúa Galileo Galilei, Nº 62 (A Coruña)
Nº DE PRAZAS E REQUISITOS
10 prazas | Actividade aberta e gratuíta para persoas de entre 12 e 30 anos de idade

INSCRICIÓNS
www.coruna.gal/mocidade/gl/nocturnia
(Entre o 31/05/2021 ás 16:00h e o 03/06/2021 ás 12:00h)





OBRADOIRO

AGRELA

IMAXES

MAPA

INFORMACIÓN

CRÉDITOS



OBRADOIRO


Obradoiro de exploración urbana dun ámbito da Coruña pouco coñecido por boa parte da cidadanía, pero cun grande interese polas súas condicións e singularidades: o ex-polígono industrial e agora barrio da Agrela.

Agrela é un barrio fascinante pola súas diferenzas formais e funcionais con respecto aos tecidos residenciais máis recoñecidos como urbanos, pero tamén pola súa actualidade, xa que é un ámbito no que se pode ler nidiamente como se transforman as cidades: se a mediados do século XX comezou a mudar radicalmente a súa condición rural orixinal ata converterse nun dos principais polígonos industriais de Galicia, neste século está a experimentar outro importante proceso de transformación desde esta monofuncionalidade produtiva, cada vez máis terciarizada, cara unha vida urbana complexa e con espazos e actividades frecuentables por calquera persoa.

Aínda que o desenvolvemento do obradoiro adaptarase ao perfil das persoas participantes, a estrutura inicial será a seguinte: a partir dunha primeira xornada de exploración colectiva do territorio a través dun roteiro comentado pola Agrela, a segunda xornada dedicarase á documentación fotográfica do barrio para retratar a súa vida urbana desde a óptica e os medios xuvenís (as imaxes dos móbiles), co obxectivo de, xa na terceira xornada, compoñer unha pequena exposición colectiva, física e virtual, coas imaxes realizadas sobre o presente urbano da Agrela: sobre as persoas, as actividades e os lugares que están a protagonizar a súa rápida mudanza ou que representan unha excepcionalidade a nivel metropolitano.

Ademais, aproveitando o desenvolvemento do obradoiro como traballo de campo, desde Ergosfera realizaremos paralelamente unha cartografía dixital onde se recompilarán múltiples capas de información sobre o presente urbano da Agrela: unha serie de temas particulares sobre os que ademais poderían tratar os micro-proxectos fotográficos desenvolvidos no obradoiro.



MAPA DO DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO





Mapa do desenvolvemento do obradoiro no barrio da Agrela
Ergosfera  |  Versión 4  |  12/07/2021  |  Ver en pantalla completa



Mapa do barrio da Agrela onde se recompilan unha serie de capas sobre o desenvolvemento do obradoiro: o límite do ámbito de traballo, o lugar de encontro, os percorridos dos roteiros realizados e os puntos de exposición.

  • LÍMITE DO ÁMBITO DE TRABALLO. A delimitación do ámbito de traballo do obradoiro (unha das múltiples demarcacións posibles do territorio da Agrela) realizouse a partir do límite fixado no rueiro do parque empresarial (Asociación de Empresarios de Agrela, 2019), das delimitacións contidas no mapa dos barrios da Coruña (Ergosfera, 2016) e do parcelario da cartografía catastral. O ámbito de traballo é así un territorio dunhas 245 hectáreas (2,45 millóns de metros cadrados) irregularmente delimitado pola avenida de Fisterra e os barrios do Ventorrillo, A Silva, Fontenova e A Moura polo noroeste; a Ronda do Real Club Deportivo da Coruña (terceira ronda ou V-1.4) polo suroeste; As Rañas, Pichoutos, O Bosque, A Cova, San Cristovo das Viñas e Orra polo sueste; e a estación de ferrocarril de San Cristovo e os barrios da Sardiñeira, Vioño e a Sagrada Familia polo nordeste.

  • LUGAR DE ENCONTRO. As tres xornadas do obradoiro comezarán no adro do igrexario da Agrela (rúa Galileo Galilei, Nº 62).

  • PERCORRIDOS POLO BARRIO. Percorrido do roteiro desenvolvido na primeira xornada do obradoiro (05/06/2021), no que camiñamos 10,5 kilómetros polo barrio, e do roteiro de documentación fotográfica desenvolvido na segunda xornada (19/06/2021), no que percorrimos algo máis de 14 kilómetros pola Agrela.

  • PUNTOS DE EXPOSICIÓN. Puntos do barrio onde se instalaron na última xornada (09/07/2021) as vinte e catro imaxes que compoñen a exposición fotográfica resultado do obradoiro.

Ademais destas capas, no menú despregable pódense seleccionar diferentes ortofotografías históricas do territorio, así como as capas de análise que se están a realizar de forma paralela ao desenvolvemento do obradoiro.



O OBRADOIRO NOS MEDIOS


Agrela, un espejo para los muelles
Ergosfera defiende que el polígono pasó a ser un barrio sin depender de la vivienda

La Opinión A Coruña  |  20/07/2021  |  Gemma Malvido




AGRELA


Agrela é un territorio que, ata mediados do século XX, estaba estruturado polas funcións agrícolas e poboado por pequenos núcleos como A Infesta, A Fontenova, O Regueiro, A Torre das Vellas, O Curro, O Barrio Novo, A Igrexa ou Agrela, unha realidade que comezou a desaparecer coa construción de instalacións como a subestación eléctrica en 1957 e, sobre todo, a partir da inauguración da refinería de petróleo e da declaración da Coruña como Polo de Desenvolvemento Industrial en 1964, o que provocou a súa completa transformación urbanística.




Mapa do barrio da Agrela no que se irán incorporando diferentes capas de información ao longo do obradoiro
Ergosfera  |  Versión 3  |  01/07/2021  |  Lenda  |  Ver en pantalla completa



Na actualidade, o interese da Agrela como peza urbana derívase principalmente deste período industrial e da consecuente particularidade de non dispoñer prácticamente de vivendas no seu interior, xa que os diferentes planeamentos urbanísticos sobre o ámbito excluíron o uso residencial salvo excepcións como complemento puntual a outras actividades. A partir desta condición diferencial e doutras características urbanísticas como a diversidade de tamaños do parcelario ou a existencia de múltiples vías de servizo que esponxan e complexizan o territorio público, no mundo contemporáneo este tipo de tecido implica unha alta fexibilidade para acoller programas de todo tipo, incluso os normalmente expulsados ás periferias, nun ámbito moi central na escala metropolitana. É, por poñer un exemplo, o máis parecido a moitas zonas da cidade de Los Angeles, un territorio onde pode non pasar nada, pero onde pode pasar de todo.

De feito, unha das reflexións que se poden derivar da exploración e do estudo do barrio da Agrela é a capacidade dos tecidos non residenciais para acoller unha vida urbana intensa e singular, unha cuestión de grande interese na actualidade no marco do debate sobre o futuro dos terreos portuarios da Coruña: polas súas condicións históricas e de centralidade, Agrela é un dos lugares onde máis podemos aprender sobre como xerar urbanidade sen recorrer á vivenda como peza base da configuración da cidade.





Imaxes descriptivas do obradoiro incluídas na proposta presentada á convocatoria de Nocturnia
Ergosfera  |  Xaneiro de 2020 e xaneiro de 2021



O tipo de lugares sobre os que se traballará no obradoiro serán principalmente dous. Por unha parte, aqueles que están a protagonizar a súa transformación actual: as múltiples instalacións deportivas e de ocio activo, os locais de hostalaría (cafeterías, restaurantes e incluso un pub), as superficies comerciais de escala media, metropolitana e rexional, así como outras actividades estanciais (desde museos, ata hoteis ou igrexas de relixións minoritarias). E por outra parte, os lugares e cousas urbanas que caracterizan ao barrio: as pezas de patrimonio histórico, como o igrexario da Agrela, ou natural, como o rego das Viñas ou de Pastoriza, Meicende ou San Cristovo, as vivendas situadas no interior da trama produtiva, as arquitecturas singulares ou os novos nós urbanos en formación, as dúas liñás infraestruturais que atravesan o barrio (o poliduto e a vía de tren sen uso) ou as grandes pezas urbanas abandonadas, algunhas desde hai moito tempo, como o antigo Parque Automobilístico Militar, e outras nos últimos anos, como o MAC, o centro comercial Dolce Vita (sobre o que xa se formularon varios proxectos) ou o Comcor (que pronto pasará a formar parte do macro-complexo de Estrella Galicia).

Ademais destes lugares concretos, tamén serán obxecto do obradoiro os usos cidadáns que se desenvolven nestes e no resto dos espazos públicos da Agrela. A singularidade e a crecente condición urbana do ámbito favorecen a aparición de todo tipo de prácticas sociais, tanto formais como informais e tanto recentes como de longo percorrido histórico: desde os usos que acollen os espazos libres sobre o poliduto ou as clases de condución nas súas rúas (formais e informais), ata novos fenómenos, moitas veces vinculados á xuventude, como o dos lugares de "picnic motorizado" nos arredores dos restaurantes de comida rápida abertos 24h. Agrela é xa un lugar no que é normal atopar xente paseando ou correndo polas súas rúas, e onde, por exemplo, xurdirán cada vez máis conflitos entre os usos peonís e os motorizados pola ocupación das beirarrúas por vehículos, así como demandas de transporte ou de espazos públicos acordes á súa nova condición urbana.



Repartidores de comida a domicilio agardando na terraza do McDonald's xunto á glorieta de Eduardo Diz López, un espazo con actividade continua durante as 24h do día | Ergosfera, 01/01/2021

Pub El Guateque na rúa Pasteur, a primeira actividade deste tipo que se instalou no barrio | Ergosfera, 28/10/2020

Local para festas infantís baixo un espazo de aparcadoiro na cuberta dun edificio situado nunha mazá complexa da rúa Gambrinus | Ergosfera, 09/06/2017

Ovellas nun espazo libre sobre o poliduto ao seu paso pola Agra de San Cristovo | Ergosfera, 14/05/2021

Vía de tren abandonada entre a estación de San Cristovo e CLH que atravesa o barrio a diferentes cotas xerando un espectacular espazo libre continuo | Ergosfera, 14/10/2020

Vivendas rodeadas por naves industriais no interior dunha mazá xunto á rúa Isaac Peral | Ergosfera, 28/10/2020

Antigo centro comercial Dolce Vita, inaugurado en 2008, pechado en 2014 e abandonado desde entón, na actualidade está en marcha un proxecto para derribalo e construír outra tipoloxía de centro comercial no seu lugar | Ergosfera, 28/10/2020

Igrexa de Deus Ministerial de Xesucristo Internacional nunha nave na rúa Pasteur | Ergosfera, 28/10/2020

Igrexa Pentecostal Unida en Europa e aparcadoiro do tanatorio A Grela - Albia nunha nave na rúa Madame Curie | Ergosfera, 18/10/2020




A partir do recoñecemento e da reflexión sobre os detalles, as actividades e as cousas urbanas que determinan as posibilidades de uso e os procesos de cambio neste territorio concreto, o obxectivo do obradoiro será comezar a describir os valores urbanos, funcionais, ambientais e incluso estéticos das novas paisaxes da cidade contemporánea: explorar e documentar a riqueza urbana da Agrela para complementar a visión municipal e a da asociación empresarial do barrio (que desenvolve neste caso o papel habitual das organizacións veciñais) e para poder pensar o seu futuro tamén desde as prácticas sociais que ten acollido ata o momento.




IMAXES




Ver noutra pestana


Conxunto de sesenta fotografías sobre o presente urbano da Agrela realizadas por Roi Zas Hernández, Sara Senande Rodríguez, Daniel Esteve Neira Edreira e Ergosfera durante o desenvolvemento do obradoiro.

Neste mapa se pode ver a situación das vinte e catro imaxes instaladas nos espazos públicos do barrio na última xornada do obradoiro.




MAPA





Mapa sobre o presente urbano do barrio da Agrela
Ergosfera  |  Versión 3  |  01/07/2021  |  Ver en pantalla completa



Mapa do barrio da Agrela onde se incorporan un conxunto de capas con análises iniciais sobre algúns dos temas de interese para estudar o seu presente urbano (diferentes usos, elementos, espazos, pezas, procesos, etc.):



26 x  

6 x  



20 x  

2 x  



5 x  



9 x  


33 x  




13 x  

2 x  



6 x  

3 x  




2 x  

18 x  

3 x  

1 x  

1 x  

2 x  

1 x  

2 x  

1 x  

2 x  




9 x  

6 x  




12 x  

3 x  

HOSTALARÍA
Establecementos hostaleiros
Establecementos hostaleiros desaparecidos

DEPORTE E OCIO ACTIVO
Instalacións deportivas ou de ocio activo
Instalacións deportivas ou de ocio activo desaparecidas

IGREXAS
Igrexas

VIVENDAS
Edificios con vivendas en parcelas de uso principal ou dominante residencial
Edificios con vivendas en parcelas con outro uso principal ou dominante (industrial, oficinas, etc.)

GRANDES E MEDIANAS SUPERFICIES COMERCIAIS
Grandes e medianas superficies comerciais
Grandes e medianas superficies comerciais desaparecidas

USOS DOTACIONAIS PÚBLICOS
Usos dotacionais públicos
Equipamentos públicos situados en solos non recoñecidos como dotacionais no PXOM da Coruña

OUTROS USOS DE INTERESE
Comercios de proximidade
Comercios
Establecementos hoteleiros
Museos
Museos desaparecidos
Tanatorios
Educación
Prostitución ou traballo sexual
Eventos culturais
Organizacións sociais

ACTIVIDADES ABERTAS OU EN FUNCIONAMENTO AS 24H
Actividades abertas ou en funcionamento as 24h
Actividades abertas as 24h en modo autoservizo, sen persoal durante a noite

PATRIMONIOS
Patrimonios arquitectónicos e urbanos
Patrimonios naturais ou naturais-artificiais


4 x  

3 x  

1 x  



31 x  

1 x  

9 x  

4 x  



20 x  

3 x  



28 x  

2 x  




31 x  

2 x  



34 x  

4 x  



1 x  

1 x  




36 x  

3 x  

3 x  



28 x  



3 x  



2 x  

ESPAZOS PÚBLICOS SINGULARES
Espazos públicos estanciais
Espazos estanciais privados de acceso público
Carril-bici

MOBILIARIO URBANO PARA SENTARSE
Mobiliario urbano público
Mobiliario urbano autoxestionado
Mobiliario urbano en solo privado
Mobiliario urbano desaparecido

PARADAS DE BUS E TAXI
Paradas de bus
Paradas de taxi

BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS
Barreiras arquitectónicas
Outros elementos significativos en termos de accesibilidade

SINGULARIDADES URBANAS
Rede viaria de servizo (funcional e estancial)
Outras singularidades urbanas

USOS EN CUBERTA
Terrazas
Aparcadoiros de vehículos

ESPAZOS LIBRES INFRAESTRUTURAIS
Vía de ferrocarril abandonada
Trazado do poliduto entre o peirao petroleiro e a refinería

ESPAZOS SEN USOS FORMAIS, BALEIROS OU ABANDONADOS
Parcelas sen usos formais
Parcelas cun uso mínimo como espazo de almacenaxe
Parcelas e edificacións abandonadas

USOS INFORMAIS
Usos informais

GRANDES PEZAS URBANAS
Grandes pezas urbanas

NODALIDADES URBANAS
Nodalidades urbanas




A continuación explícanse brevemente os datos recompilados ata o momento para cada un destes temas de análise, mais é preciso mencionar que se trata dunha cartografía complementaria ao obradoiro cunha exhaustividade limitada. Polo de agora, só están identificados unha serie de elementos de interese urbano: a recollida de datos é suficiente nalgúns dos casos (como os referidos aos usos ou aos espazos públicos), pero só inicial e simbólica noutros (como nas barreiras arquitectónicas ou os usos informais). Así, as explicacións recompiladas a continuación aínda non conteñen unha carga análitica relevante que permita falar de conclusións, senón só a descrición ou enumeración dos elementos identificados.


  • HOSTALARÍA. Establecementos hostaleiros do barrio: cafeterías, cervexarías, bares, mesóns, restaurantes, etc. Ata o momento foron identificados trinta e dous locais deste tipo (vinte e seis en funcionamento e seis xa pechados), de moi diversas tipoloxías segundo a súa forma, tamaño e situación: desde os establecementos integrados nalgunhas grandes instalacións e de uso máis ou menos restrinxido, ata os pequenos locais que ocupan unha parte dunha nave industrial ou os novos restaurantes en edificios independentes con espazos libres exteriores, aparcadoiro e sistema de servizo en automóbil. É preciso mencionar que nesta identificación dos establecementos hostaleiros só se incluiron polo de agora aqueles abertos á rúa e a calquera persoa, deixando fóra, polo tanto, todas as actividades deste tipo situadas dentro do centro comercial Marineda City ou doutros edificios como o Ikea, o Pádel & Beer ou o tanatorio A Grela - Albia.

  • DEPORTE E OCIO ACTIVO. Actividades deportivas e de ocio activo que teñen xurdido no barrio nas últimas décadas. Ata o momento foron identificados vinte e dous locais deste tipo (vinte en funcionamento e dous xa pechados), principalmente ximnasios e pistas de pádel, mais tamén xogos de simulación de combate, escolas de baile ou música, rocódromos ou espazos para festas infantís.

  • IGREXAS. Templos relixiosos xurdidos nas últimas décadas en naves industriais do barrio. Ata o momento foron identificadas cinco igrexas, todas elas evanxélicas.

  • VIVENDAS. Edificios con usos residenciais no barrio. Catro son os tipos detectados ata o momento. Por unha parte, seis pequenas edificacións na parte sur do ámbito, xunto á estrada dos Baños de Arteixo e á avenida de San Cristovo (dúas delas, de 1928 e 1940, son as dúas edificacións máis antigas do barrio tras o igrexario da Agrela). Por outra parte, o único grande edificio de uso exclusivamente residencial do ámbito, situado na avenida do Ferrocarril e que conta con 129 vivendas. Por outra, un caso moi singular de dúas edificacións situadas no interior dunha mazá e rodeadas de naves industriais xunto á rúa Isaac Peral. E por último, trinta e tres casos nos que as vivendas forman parte de edificacións con outros usos principais ou dominantes (sobre todo industriais ou de oficinas), xa que o planeamento urbanístico permite a introdución dunha vivenda por parcela para o uso do personal encargado da vixilancia ou do mantemento das actividades. En total, estariase a falar dunhas 200 vivendas, mais hai que ter en conta que 129 delas están situadas no mesmo edificio e que sen un estudo máis exhaustivo é imposible determinar o número exacto das vivendas situadas nos edificios industriais ou de oficinas (ata o de agora só están incluídas aquelas recoñecidas no catastro e as que son recoñecibles claramente polo aspecto exterior dos edificios: existencia de timbres diferenciados, roupa tendida, persianas ou terrazas domésticas, etc.).

  • GRANDES E MEDIANAS SUPERFICIES COMERCIAIS. Supermercados, medianas superficies e grandes centros comerciais do barrio. Pezas de máis de 4.000 m² que ocupan unha parcela independente. Ata o momento foron identificadas quince superficies deste tipo, trece en funcionamento e dúas xa pechadas e en proceso de reconversión: o antigo Comcor (pechado en 2019 e no que xa comezaron as obras para transformalo na sede corporativa de Hijos de Rivera como parte do complexo de Estrella Galicia) e o antigo centro comercial Dolce Vita (pechado en 2014 e no que xa está en trámite un proxecto para derrubalo e construír un novo parque comercial denominado Breogán Park).

  • USOS DOTACIONAIS PÚBLICOS. Equipamentos públicos existentes no barrio. Ata o momento identificáronse seis, de moi diverso tipo e poboación usuaria: desde os máis propios dun polígono industrial, como o matadoiro, o centro de empresas ou os talleres e a oficina técnica municipais, ata os determinados polas nodalidades viarias, como o parque de bombeiros da Coruña, ou os equipamentos de escala urbana que nada teñen que ver cos sectores produtivos, como o campo de fútbol municipal Rodrigo García Vizoso ou a unidade asistencial de drogodependencias da Coruña. Por outra parte, identificáronse tamén outras tres pezas que son equipamentos, pero que están situados en solos non recoñecidos como dotacionais no PXOM da Coruña vixente: a lavandería do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, o almacén da Empresa Municipal de Augas da Coruña (EMALCSA) e o edificio que acolle ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG) e ao Laboratorio de Consumo de Galicia (LCG).

  • OUTROS USOS DE INTERESE. Outras actividades representativas da transformación e do presente do barrio, principalmente comercios e servizos de carácter urbano que xeran fluxos cidadáns cara a Agrela. Ata o de agora identificáronse trinta e tres locais deste tipo: dezaoito de mediano e pequeno comercio (bazares, tendas especializadas en todo tipo de produtos, pequenos supermercados vinculados a estacións de servizo, etc.), dous de comercio de proximidade (unha farmacia e un estanco), tres hoteis, dous tanatorios, dous pisos onde se exercía a prostitución ou traballo sexual, dous museos (un deles xa desaparecido), un espazo onde se acollen eventos artísticos e dúas organizacións sociais (a Asociación de Empresarios de Agrela e o Club Silva S.D.).

  • ACTIVIDADES ABERTAS OU EN FUNCIONAMENTO AS 24H. Actividades abertas ao público ou en funcionamento durante as 24 horas do día. Ata o momento identificáronse quince casos deste tipo. Por unha parte, un lavadoiro de vehículos e cinco estacións de servizo que están abertas, pero en modo autoservizo (sen persoal durante a noite), salvo unha delas, a de Repsol da avenida do Ferrocarril, que conta cunha pequena tenda na que si hai persoal polas noites. Por outra parte, seis actividades que están abertas ao público as 24 horas: dous dos hoteis, os dous tanatorios, a tenda mencionada anteriormente na gasolineira e o McAuto da rúa Severo Ochoa. E por último, tres actividades que están sempre en funcionamento, polo que, aínda que non sexan de acceso público, si implican a presenza de traballadores/as durante todo o día. Neste último caso, ata o momento só están identificadas o parque de bombeiros, a base das ambulacias de Servizos Sanitarios de A Coruña e a fábrica de Estrella Galicia, mais é seguro que existirán varias actividades máis con esta característica.

  • PATRIMONIOS. Elementos con valores patrimoniais no barrio. Ata o momento foron identificados quince casos. Por unha parte, en canto ao patrimonio arquitectónico destaca o conxunto do igrexario da Agrela, unha obra de estilo barroco construída en 1750 e proxectada por Simón Rodríguez e Clemente Sarela que é a única peza catalogada no barrio. Por outra parte, tamén en termos arquitectónicos, pero máis ben urbanísticos, tamén son destacables unha serie pezas que representan unha singularidade en termos formais (son de pequeno tamaño), funcionais (son de uso residencial) e históricos (algunhas delas son previas á transformación deste territorio): dous edificios na estrada dos Baños de Arteixo (un de 1940 e outro de 1965, ambos coa mesma tipoloxía de pequena construción con baixo comercial e dous plantas de vivenda); un conxunto de tres vivendas que determinan por completo a urbanidade do último tramo da avenida do Ferrocarril (unha de 1928, o edificio de uso residencial máis antigo do ámbito, unha de 1969 e outra de 1971); dúas edificacións con vivendas moi singulares por estar situadas no interior dunha mazá e rodeadas de naves industriais xunto á rúa Isaac Peral (ambas construídas en 1980); e outros dous edificios singulares, un pequeno, pero complexo edificio de uso industrial no camiño do Bosque e outro de uso residencial e industrial na estrada dos Baños de Arteixo xunto ao Marineda City. E por último desde esta perspectiva arquitectónica e urbana, tamén é destacable o lavadoiro da Moura situado na avenida de Fisterra, unha peza moi simple, pero con relevantes valores formais e etnográficos proxectada en 1931 polo arquitecto municipal Antonio Tenreiro, así como, noutra escala, o busto de Eduardo Diz López situado na glorieta homónima. Por outra parte, en canto ao patrimonio natural, destaca o único tramo non soterrado do rego das Viñas ou de Pastoriza, Meicende ou San Cristovo, así como dúas rochas que non foron eliminadas pola urbanización do ámbito, un penedo situado no trazado do poliduto (que conta ademais cun grande graffiti dunha cascuda que o convirte nun patrimonio natural-artificial) e outro pequeno conxunto de rochas situado nunha das parcelas nunca edificadas na rúa Newton.

  • ESPAZOS PÚBLICOS SINGULARES. Elementos de interese en relación aos espazos públicos do barrio. Polo de agora, están representados tres elementos. Por unha parte, os espazos públicos estanciais, fundamentalmente o adro e a contorna inmediata do igrexario da Agrela (que é o único espazo peonil non lineal do barrio, pero que non conta con máis elementos para sentarse que o murete do adro) e os tres lugares denominados "puntos de descanso e zona recreativa" (instalados en 2018-2019, compostos por un banco corrido semicircular, tres pequenas mesas, dúas ou tres macetas con plantas e unha zona de aparcadoiro de bicicletas, e sempre situados xunto a un transformador eléctrico). Por outra parte, o novo carril-bici da estrada dos Baños de Arteixo entre a glorieta de Eduardo Diz López e a pasarela á altura do Marineda City (2019-2020). E por último, os casos dos espazos privados de acceso público vinculados aos centros comerciais: por unha banda, o espazo libre central do complexo comercial Marineda City, que, aínda que formalmente sexa o espazo do barrio máis recoñecible como praza, desde a perspectiva urbana trátase dun exemplo paradigmático de espazo comercial como simulacro do espazo público; e por outra banda, o caso do antigo centro comercial Dolce Vita, reseñable porque nos dous pequenos espazos libres en contacto coas rúas Severo Ochoa e Newton existiron durante uns anos (entre 2010/12 e 2014/15) os únicos catro bancos para sentarse detectados no barrio.

  • MOBILIARIO URBANO PARA SENTARSE. Bancos para sentarse existentes no barrio. Ata o momento foron identificados corenta e cinco casos: trinta e un bancos públicos (dez deles cubertos por ser parte de marquesiñas de paradas de bus, os tres que forman parte dos "puntos de descanso e zona recreativa" e dezaoito situados nos bordos do barrio, na avenida de Fisterra e fronte ao parque de Vioño), once situados en solo privado vinculado a centros comerciais (sete no complexo comercial Marineda City e catro xa desaparecidos xunto ao antigo centro comercial Dolce Vita) e tres un pouco máis singulares (un banco autoxestionado pola veciñanza na beirarrúa da avenida de Fisterra e dous lugares para sentarse vinculados a actividades do barrio, un xunto ao Studio Follow e outro xunto a Unipost).

  • PARADAS DE BUS E TAXI. Ata o de agora identificáronse vinte paradas do autobús urbano da Coruña no ámbito de estudo: nove da liña 11 (As Lagoas - A.C. Marineda), que atravesa e da servizo a unha boa parte do barrio; nove das liñas 6 (Avenida de Hércules - Meicende) e 6A (Avenida de Hércules - Bens), todas na avenida de Fisterra salvo unha na estrada de Bens; e dúas da liña 5 (Durmideiras - Espacio Coruña), situadas nas avenidas do Ferrocarril e de Enrique Salgado Torres. Por outra parte, identificáronse tres paradas de taxi, unha na rúa Gambrinus no nó de oficinas e servizos, outra xunto ao complexo comercial Marineda City e outra no centro de saúde do Ventorrillo.

  • BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS. Barreiras á mobilidade universal máis evidentes nos espazos públicos do barrio, é dicir, aquelas relativas á urbanización material do espazo urbano (escalóns, obstáculos, pavementos en mal estado, etc.). Neste sentido, polo de agora non está representada na cartografía a principal barreira "arquitectónica" da Agrela: os vehículos aparcados sobre as áreas de trásito peonil que dificultan ou impiden o paso en moitos ámbitos do barrio. Ademais, tamén se sinala un punto moi significativo: os dous carteis situados na contorna da glorieta de Eduardo Diz López indicando a necesidade de cruzar para acceder ao Marineda City, xa que ata a construción da pasarela sobre a estrada dos Baños de Arteixo (inaugurada en decembro de 2019) non era posible cruzar a vía máis alá deste punto. A excepcionalidade de que sexan as persoas que camiñan as que reciban indicacións para o tránsito fóra de ámbitos turísticos é moi significativa do desequilibrio entre as diferentes formas de mobilidade no barrio.

  • SINGULARIDADES URBANAS. Elementos formal ou funcionalmente singulares que se producen nun tecido urbano non convencional como o da Agrela. Algunhas cun impacto sensible na vida do barrio, como a relevancia funcional das súas rúas secundarias ou de servizo, un tipo de vías que poden ser públicas, total ou parcialmente, ou privadas de acceso público; que normalmente non teñen saída (cul-de-sac), aínda que as veces teñen certas continuidades internas; que unhas veces dan acceso a entradas principais de actividades e outras só teñen relación coas traseiras das naves; e que, aparte dos seus usos en termos de mobilidade e transporte, tamén acollen outros estanciais máis vinculados ás persoas traballadoras do barrio, xerándose unhas condicións urbanas sensiblemente diferentes ás da estrutura viaria principal que posibilitan unhas formas de uso tamén distintas e moi valorables. Por outra parte, tamén existen outras singularidades máis particulares, como o encontro da rúa da Ermida co espazo libre sobre o poliduto (unha excepción en todo o seu trazado na que existe unha forma de continuidade moi equilibrada e respectuosa entre unha rúa integrada e un espazo que representa un certo fóra da cidade) ou como o pequeno espazo verde privado e de uso residencial, pero aberto á rúa, a carón dunha nave habitada nunha desas vías secundarias na rúa Gambrinus.

  • USOS EN CUBERTA. Superficies nas cubertas dos edificios do barrio que acollen algún tipo de uso ou teñen condicións para acollelo, unha cuestión que pode ter certa influencia na súa urbanidade dada a baixa altura das edificacións (baixo e dúas plantas como norma xeral e algún caso de baixo e tres). Ata o momento identificáronse trinta e oito casos, catro de cubertas empregadas como espazo de aparcadoiro de vehículos e trinta e catro empregadas como terrazas, a maioría nun formato convencional como simples espazos lineais no bordo da última planta dos edificios e dous casos particulares máis complexos: a terraza do tanatorio A Grela - Albia, que é un espazo estancial xunto á cafetería, e a do edificio da avenida de Fisterra Nº 271-273, cuxa terraza conta con piscina e pistas deportivas.

  • ESPAZOS LIBRES INFRAESTRUTURAIS. Espazos libres derivados da existencia de dúas grandes infraestruturas lineais que atravesan o barrio desde a refinería: o poliduto que a conecta co peirao petroleiro e a vía de tren abandonada que a conectaba coa rede ferroviaria. Ambos espazos dispoñen de calidades urbanas excepcionais e xa acollen certos usos informais na actualidade, o que os convirte en lugares moi interesantes desde as perspectivas urbanística e sociolóxica. Ademais, a súa disposición concreta no barrio permite imaxinar que ambas xogarán un papel fundamental no futuro da Agrela en termos de articulación interna e de conexión coa súa contorna, polo que cumpre definir os seus valores patrimoniais antes de que se comecen a formular plans de transformación que os podan poñer en perigo.

  • ESPAZOS SEN USOS FORMAIS, BALEIROS OU ABANDONADOS. Parcelas nunca edificadas ou construcións abandonadas que non acollen usos formais de ningún tipo, algunhas de grande tamaño como o antigo Parque Automobilístico Militar ou o antigo centro comercial Dolce Vita, así como parcelas que aparentemente só son empregadas minimamente como espazo de almacenaxe ao aire libre e non dispoñen de ningún tipo de urbanización ou edificación.

  • USOS INFORMAIS. Prácticas cidadás non planificadas que acolle o barrio e que son analizables a través do estudo das súas pegadas nos espazos urbanos: desde pequenas construcións para habitar lugares á intemperie ou para acoller colonias felinas, ata graffitis, roturas en verxas para acceder a espazos pechados ou zonas de "picnic motorizado" xunto aos novos locais hostaleiros abertos as 24h. Por outra parte, tamén están incluídas algunhas das múltiples manifestacións desenvolvidas na contorna da glorieta de Eduardo Diz López a modo de mostra da importancia estratéxica e simbólica deste lugar.

  • GRANDES PEZAS URBANAS. Conxuntos ou elementos urbanos de grande tamaño (neste caso, aqueles que ocupan unha superficie de máis de 50.000 m²). No barrio da Agrela existen tres pezas deste tipo: o complexo Marineda City, composto polo centro comercial e o Ikea (123.000 m²); o complexo Estrella Galicia (que comezou o século cunha parcela de 63.000 m², ampliouna ata os 75.000 m² sobre o campo de fútbol municipal Agrela 2 e está a ampliala novamente na actualidade sobre a parcela do antigo Comcor ata os 91.000 m²); e o antigo centro comercial Dolce Vita en proceso de transformación nun novo parque comercial (57.000 m²).

  • NODALIDADES URBANAS. Ámbitos do barrio onde se están a conformar novas centralidades urbanas. Ata o momento identificáronse dous casos. Por unha parte, o nó urbano en formación arredor da glorieta de Eduardo Diz López, un lugar que está a concentrar servizos e actividades tanto de escala metropolitana como local, xa que ten a particularidade de ser un punto nodal para os fluxos do tráfico rodado, mais tamén de dispoñer de rúas dunha escala urbana moi singular no barrio da Agrela (rúa Madame Curie e avenida do Ferrocarril). Ademais, outra das súas singularidades é que varias das actividades que acolle están en funcionamento as 24 horas do día, polo que a centralidade do lugar excede a función produtiva máis común no barrio. E por outra parte, o nó de oficinas e servizos entre as rúas Gambrinus, Copérnico e Galileo Galilei, conformado polo edificio de oficinas e servizos xunto ao campo de fútbol (1991), o edificio Work Center (2002), o edificio do hotel (2003) -entón Husa Center, hoxe Ibis Styles- e o Centro de Negocios BCA28 (2007). Estos catro edificios concentran unha gran cantidade de oficinas e locais comerciais nas plantas baixas, conformando tramos de rúas con calidades máis convencionais e similares ás dos ámbitos máis centrais da cidade. Por último, é preciso mencionar que non se inclúe polo de agora o complexo comercial Marineda City nesta categoría porque, a pesar de que en termos de uso e fluxos xerados se trate dun gran nó, a súa condición de espazo completamente privado e controlado limita moito as súas posibilidades urbanas e o distingue sensiblemente dos dous casos comentados anteriormente.


Outros temas de análise que aínda non están introducidos na cartografía dixital, pero que son de grande interese para este achegamento ao barrio, son os seguintes:

  • - Outros usos urbanos xeradores de fluxos cidadáns, algúns deles cun impacto moi relevante na Agrela, como as actividades vinculadas ao sector do automóbil en todos os seus ámbitos (gasolineiras, talleres, lavadoiros, concesionarios, etc.) e outros cunha importancia menor, pero en crecemento, como os espazos con rochos de alugueiro para a almacenaxe particular.

  • - Outras singularidades urbanas de escala máis arquitectónica: desde as edificacións que expresan a súa función na súa materialidade (como a nave e o peche exterior de vidro de Glassolutions ou o ascensor na fachada da nave de Orona), ata, sobre todo, as diferentes variacións e posibilidades da tipoloxía convencional de nave industrial cun corpo diferenciado na súa fachada á rúa.

  • - Outros procesos relevantes: desde as diferentes fases e modificacións do planeamento urbanístico, ata o borrado físico e toponímico de todo rastro preindustrial no ámbito do barrio actual.




INFORMACIÓN


Selección de novas que resumen a realidade actual e o proceso de transformación que está a experimentar o barrio da Agrela:



Publicacións monográficas e outros materiais para afondar no coñecemento histórico da Agrela:



Documentos gráficos sobre Agrela:



Organizacións sociais do barrio da Agrela:



Recompilación doutros artigos que abordan temas concretos de interese:



Outros traballos de Ergosfera relacionados co ámbito de estudo:





CRÉDITOS


PROXECTO
Ergosfera (Partidarios da Cidade Sociedade Cooperativa Galega)

PARTICIPANTES
- Iago Carro Patiño (Ergosfera)
- Silvia Cebeira Pérez (Nocturnia)
- Daniel Esteve Neira Edreira
- Sara Senande Rodríguez
- Roi Zas Hernández

PROMOCIÓN E FINANCIACIÓN
Nocturnia | Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá | Concello da Coruña

AGRADECEMENTOS
- A Xoán Mosquera, polas súas achegas de documentación histórica e urbanística sobre Agrela.
- A Patricia Lesta e Silvia Cebeira, pola súa amabilidade e dispoñibilidade na coordinación do programa Nocturnia.

WEB
Esta páxina web foi realizada por Ergosfera coa colaboración de Edu Poch de estudiocaravana no desenvolvemento da cartografía dixital. Publicada o 1 de xuño de 2021, a súa última actualización realizouse o 20 de xullo de 2021.

LICENZA
Toda a documentación producida para este proxecto pódese utilizar e transformar libremente e para calquera fin baixo unha licenza Creative Commons Atribución - Compartir igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0).