Ergosfera somos unha cooperativa da Coruña dedicada á investigación urbana desde 2006. A través de diferentes prácticas profesionais desde campos como o urbanismo, a arte, o activismo ou a produción cultural, o noso traballo céntrase no desenvolvemento de proxectos de investigación sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo, sempre desde unha perspectiva crítica pero curiosa e compartindo os resultados como coñecemento libre en busca de experimentación e debate.
O obxectivo de Ergosfera é xerar e soster conversas públicas sobre todo o relacionado coa cidade contemporánea a partir da problematización de certos presupostos disciplinares da arquitectura e o urbanismo, principalmente, en relación ao común, ao popular, ao ordinario, ao informal, ao inacabado, ao conflitivo ou ao xenérico.
Os nosos proxectos teñen sempre un compoñente importante de traballo de campo, produción gráfica, cartográfica e fotográfica, así como de actividades públicas, tanto para a devolución dos resultados, como para a participación e coprodución coas persoas interesadas e/ou afectadas cando as condicións do contexto o permiten.
A maioría dos nosos proxectos desenvolvéronse a través de convocatorias e encargos de administracións públicas e todo tipo de institucións culturais e académicas, aínda que tamén desenvolvemos moitos outros desde a autoxestión e a colaboración con redes investigadoras, activistas, artísticas e populares da nosa contorna.
Os intereses de Ergosfera abarcan unha gran cantidade de escalas e temáticas, pero sempre no entrecruzamento entre o social e a arquitectura, o urbanismo e o territorio desde o diálogo con outras disciplinas e saberes humanos.
Formamos parte da rede Arquitecturas Colectivas e somos partidaries da cidade.
Ergosfera somos un grupo de arquitect@s (organizad@s como asociación universitaria desde 2006, como asociación cultural desde 2014 e como cooperativa de traballo asociado desde 2016) que desenvolvemos proxectos de investigación e intervención urbana desde A Coruña.
Aínda que comezamos organizando actividades divulgativas e realizando accións urbanas directas, na actualidade o noso traballo está centrado no desenvolvemento de propostas urbanísticas e estudos sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo, tanto a través da práctica profesional como de hipóteses teóricas, pero sempre desde unha perspectiva crítica e compartindo os resultados como coñecemento libre en busca de experimentación e debate. Para iso utilizamos calquera oportunidade de traballo que xurde, ética e politicamente asumible, xa sexa desde o campo do urbanismo, a arte, o activismo ou a produción cultural.
Formamos parte da rede Arquitecturas Colectivas. Somos partidarios da cidade.
Ergosfera somos un grupo de arquitect@s sen papeis que desenvolvemos traballos de acción-investigación desde A Coruña.
Aínda que entre as nosas actividades atópanse a organización de talleres, conferencias, debates, exposicións ou intervencións directas no espazo urbano, ultimamente o noso traballo tomou a forma de micro-investigacións críticas sobre os procesos que conforman a cidade contemporánea: ¿Como se produce hoxe a diferenza? Guantánamo e outros Territorios de Excepción, sobre a composición das máquinas urbanísticas capaces de producir e soster a diferenza radical; Eu sí quero feísmo na miña paisaxe!, sobre as calidades duns territorios que, tras ser denostados como improdutivos e feos, necesitan novos relatos e argumentos para manter aberta a súa posibilidade; ou Inditex / Cidade / Capital, sobre as materializacións do capitalismo a través do caso de Inditex na Coruña metropolitana.
O posicionamento crítico destas prácticas-teorías baséase na nosa condición de arquitect@s nun contexto no que o Estado e o Mercado son institucións irrisorias sen capacidade para pensar cuestións como a diferenza, o desexo, a inxustiza ou a liberdade. Respondendo a banqueiros, catedráticos, especuladores ou concelleiros de seguridade cidadá, case nos vemos como terroristas urbanísticos. Respondendo a Koolhaas, somos simplemente "partidarios" da cidade. Unha actividade, por suposto, por agora non remunerada.
Ergosfera é unha asociación universitaria de estudantes de arquitectura cos seguintes obxectivos:
1.- Fomentar a relación bidireccional entre a ETSAC e a cidade para posibilitar, tanto a implicación dos estudantes na realidade que nos rodea, como a apertura de novos foros de discusión onde os cidadáns poidan acceder a información menos mediatizada acerca das formas e medios de construción contemporánea do seu contorno.
2.- Xerar o debate interno que consideramos necesario para a aparición na ETSAC dun ambiente académico máis ligado á investigación que aos dogmas incuestionables, fomentando a inclusión nos sistemas docentes de actividades relacionadas coa experimentación como complemento á adquisición de coñecementos.
3.- Manifestar a nosa disconformidade coas formas de construción actual das cidades, para conseguir a apertura do campo de alternativas de demanda e coñecemento dos cidadáns sobre a transformación do seu contorno, por medio da realización de accións directas sobre a cidade que impliquen o debate e a manipulación dos programas públicos establecidos.
4.- Reflexionar de forma crítica, escéptica e desprezuizada sobre os temas urbanos e arquitectónicos de interese no mundo contemporáneo, tanto desde o punto de vista disciplinar, como, e sobre todo, desde posicións máis cercanas á realidade cotiá, apostando por metodoloxías de proxecto baseadas na reflexión sobre a cidade desde a nosa condición primeira de cidadáns.
5.- Achegar e abrir a ETSAC, e o mundo da arquitectura en xeral, a outras realidades disciplinares dun modo estrutural e sistemático, xerando dinámicas de intercambio que superen as actuais micro-relacións esporádicas e xerarquizadas, de forma que se poña en primeira liña de debate o rol profesional do arquitecto no presente, se modifique a visión convencional e esclavizante que nos define unicamente como solucionadores de problemas, e se viabilice un certo posicionamento como produtores de ámbitos potencialmente problemáticos para o establecido.
6.- Avaliar os soportes legais e conceptuais que conforman de forma directa as actividades urbanas, estudando sistematicamente tanto a pertinencia de leis e ordenanzas, como os usos alternativos e as actividades non reguladas que transforman o espazo público, entendidas non simplemente desde unha perspectiva romántica, senón como mecanismos de instrución para a realización de intervencións sobre a cidade.
7.- Investigar sobre a conceptualización dunha nova estética máis alá dos cánones homologados, baseada, tanto na cultura material contemporánea, inmersa cada vez máis no mundo sintético e dixital, como no desenvolvemento de estratexias sostibles que sirvan de vía de saída cultural para unha parte dos desechos que xeran os nosos modos de vida e os sistemas produtivos nos que se sustentan.