site

DEBATE SOBRE USOS DA FACHADA MARÍTIMA / Circo de Artesáns (A Coruña) / 08-07-2024 / 19:30h

Debate sobre usos da fachada marítima


O próximo luns 8 de xullo, ás 19:30 h no Circo de Artesáns, participaremos como parte do equipo da proposta Porsuporto no DEBATE SOBRE USOS DA FACHADA MARÍTIMA, un encontro público organizado polo Circo de Artesáns, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o Club de Opinión Foro Cívico, no que tamén participarán Martín Fernández Prado (presidente da Autoridade Portuaria da Coruña) e Carlos Nárdiz (doutor enxeñeiro de camiños, canais e portos e coordinador da proposta redactada pola UDC para os terreos portuarios en 2021). Na páxina web da A.C. Alexandre Bóveda pódese consultar unha breve introdución e máis información sobre o debate.

PORSUPORTO é o lema da proposta que realizamos en 2018-2019 xunto a Hábitat Social, Flu-or e Damián Romay para o concurso de ideas para a transformación dos terreos portuarios da Coruña. Pódese consultar e descargar toda a información sobre o proxecto nesta páxina web.

Neste fío en X / Twitter pódese acceder a unha recente nova publicada en La Opinión A Coruña sobre a cuestión portuaria na que expresamos o noso posicionamento sobre algúns dos temas do debate, así como unha pequena explicación de porqué non cremos que sexa adecuado o uso que se está a facer na conversa pública de conceptos como “fachada marítima” ou “espazo de oportunidade”, ou de porqué consideremos que manter o dominio público (non patrimonial) do 100% dos actuais terreos portuarios é o obxectivo prioritario neste momento.

A cuestión portuaria é un dos grandes debates urbanos que determinarán dun xeito radical o futuro da cidade, así que agradecemos enormemente a invitación a esta mesa e animámosvos a vires e participar en canta actividade se organice nos próximos tempos sobre a transformación do centro da área metropolitana da Coruña. Que é necesario transformar, para que e como son cuestións debatibles nas que a cidadanía debe ter un protagonismo moito maior que o permitido desde 2019 polo Goberno local e desde sempre polo resto de administracións e institucións con competencias neste debate.


Sin comentarios

Sin comentarios todavía