site

ESCOLA DE CALOR: REFUXIOS CLIMÁTICOS EN OURENSE? / 3-6 de xuño / Biblioteca Pública de Ourense Nós

Escola de calor: refuxios climáticos en Ourense?


A próxima semana estaremos en Ourense participando na Escola de calor: refuxios climáticos en Ourense?, un encontro científico organizado por Brais Estévez (Universidade de Santiago de Compostela) e Julia Hidalgo (Université de Toulouse).

A nosa participación consistirá no acompañamento dun roteiro comentado (Paseo climático: mércores 5 de 11:00 a 14:00 h) e dun obradoiro de cartografía colectiva (Refuxios climáticos en Ourense?: xoves 6 de 11:00 a 14:00 h).

A inscrición nestas dúas actividades é gratuíta e pode facerse por teléfono (Biblioteca Pública de Ourense Nós: 988 78 83 85) ou por correo electrónico (Julia Hidalgo: julia.hidalgo[a]univ-tlse2.fr / Brais Estévez: brais.estevez.villarino[a]usc.es).


Escola de calor: refuxios climáticos en Ourense?






Introdución ao PASEO CLIMÁTICO (Martes 5 de xuño de 11:00 a 14:00 h):


No roteiro comentado abordarase a cuestión dos refuxios climáticos desde unha perspectiva urbana centrada nos espazos exteriores, prestando atención a unha serie de elementos concretos da cidade de Ourense e deixando fóra da análise principal aos espazos interiores, tanto os equipamentos públicos, nos que se centrarán outras actividades da Escola de Calor, como os lugares privados de acceso público, como as galerías comerciais, ou cuestións como o aillamento e a climatización das vivendas ou a relación entre a “pobreza enerxética” e o cambio climático.

Así, traballarase sobre o concepto de refuxio climático principalmente a través de tres elementos cun impacto moi relevante na actividade urbana (en termos de confort, mais tamén da propia posibilidade da boa vida no incerto futuro climático dos tempos por vir) e que permiten a imaxinación de críticas e propostas desde a cidadanía por tratarse de elementos esenciais e cotiáns perfectamente introducibles no debate público: a auga, a sombra e o solo.

  • A AUGA. Fronte á auga como tema clave na historia e no presente do “Ourense, capital termal”, no roteiro estudaremos a auga desde dúas perspectivas vencelladas a outros tipos de benestar climático: por unha parte, a auga como infraestrutura termoreguladora no territorio, prestando atención ao sistema hidrolóxico de ríos e regatos que caracterizan á cidade, así como ao resto de superficies e fontes de auga que contribúen a refrescar o ambiente urbano; e por outra, a auga como elemento básico para hidratación humana e non humana, en todo caso, pero máis durante os episodios de calor extremo, e para o que atenderemos á distribución e ás tipoloxías de fontes públicas existentes en tanto infraestructura elemental para o confort urbano e o mantemento da vida.

  • A SOMBRA. A sombra é outro dos elementos fundamentais que permiten a vivencia dos espazos urbanos exteriores nos períodos de grande insolación como os que se producen en Ourense durante o verán. Ademais das superficies e calidades da cuberta vexetal, a cuestión que adoita centrar as análises dos espazos en sombra nas cidades, nesta actividade traballaremos sobre as sombras construídas ou urbano-arquitectónicas: desde o papel dos espazos libres a cuberto baixo infraestruturas de comunicación (que moitas veces son lugares maxestuosos e infrautilizados e que son unha cuestión moi relevante nunha cidade topograficamente complexa como Ourense), ata todos os elementos urbanos que proporcionan algún tipo de sombra pública (os soportais, os kioskos, as marquesiñas ou as pérgolas, mais tamén os pasos baixo edificios ou os marabillosos espazos baixo as cubertas das gasolineiras).

  • O SOLO. Por último, outra das cuestións cun grande impacto climático nas cidades pola súa relación co efecto illa de calor urbana é a do solo, polo que traballaremos sobre as diferentes calidades e tipos de solos segundo parámetros como a súa permeabilidade ou a súa capacidade de acumulación, emisión de calor ou reflexión solar. Estudaremos así a cuberta terrestre en relación ao confort térmico en diferentes casos concretos en Ourense: desde realidades dramáticas e significativas como a dos patios de colexios completamente impermeabilizados; ata o importante papel dos diferentes tipos de espazos urbanos non urbanizados (como os soares non edificados, os descampados e outros tipos de terreos sen usos formais), que poden implicar un sobrecalentamiento da súa superficie se non dispoñen de vexetación, pero todo o contrario se si a teñen; ou como as formas de urbanización, tan comúns na cidade do século XX, que implican o sobredimensionamento do viario e a existencia de explanadas de asfalto inxustificadas que contribúen de forma irracional á acumulación de calor diurno e ao quecemento nocturno de moitos espazos urbanos.


Introdución ao OBRADOIRO DE CARTOGRAFÍA COLECTIVA: REFUXIOS CLIMÁTICOS EN OURENSE? (Mércores 6 de xuño de 11:00 a 14:00 h):


O obradoiro de cartografía colectiva centrarase nun dos temas introducidos durante o roteiro comentado: a auga como elemento básico para hidratación humana e non humana, unha cuestión que se materializará coa realización dun mapa de todas as fontes públicas, tanto as de auga potable como as ornamentais-ambientais, así como do resto de elementos urbanos relacionados coa auga en tanto que elemento hidratante e termorregulador biolóxico (piscinas, lavadoiros, lagoas naturais-artificiais non planificadas, etc.), entendendo o conxunto destas pezas como unha infraestructura elemental para o confort urbano e o mantemento da vida, especialmente nos momentos de estrés térmico cada vez máis comúns en Ourense.

A cartografía será así unha nova ferramenta coa que poder ter unha visión global do acceso público á auga en Ourense e coa que a cidadanía poida avaliar a situación actual nos seus diferentes barrios e apoiar as reclamacións populares neste sentido con documentación gráfica minimamente precisa sobre a distribución e as tipoloxías de puntos de acceso á auga existentes na actualidade.

O proceso de traballo para desenvolver a cartografía partirá dun mapa onde estará representada toda a información sobre o obxecto de estudo dispoñible en fontes de acceso público* e, a partir desta base, comprobaranse e ampliaranse os elementos identificados a partir dos saberes expertos populares: a memoria, os coñecementos, os contactos e o traballo de campo que realizaremos entre todas as persoas participantes no obradoiro.

Aínda que sería de interese realizar este traballo a nivel metropolitano, para adaptarse aos tempos do obradoiro o ámbito de estudo serán as oito parroquias máis centrais das dezaoito que conforman o municipio principal da área urbana de Ourense: Ourense; Canedo (San Miguel), Reza (Santa María) e Vista Fermosa (San Xosé) no noroeste; Cudeiro (San Pedro) e Velle (Santa Marta) no nordeste; e Montealegre (A Milagrosa) e Rairo (Santa Lucía) no sueste.


* A cartografía base a partir da cal se traballará no obradoiro incluirá toda a información pública sobre o tema de estudo dispoñible nas seguintes fontes:

  • Cartografía catastral (Dirección Xeral do Catastro, 2024).
  • Base Topográfica de Galicia – BTG 2020 (Xunta de Galicia, 2020).
  • OpenStreetMap (OpenStreetMap contributors, 2024).
  • Google Maps (Google, 2024) e Google Street View (Google, 2009-2023).
  • Cartografía do Plan Hidrolóxico 2009-2015 – Infraestrutura de Datos Espaciais Miño-Sil (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, 2011).
  • Toponimia de Galicia (Real Academia Galega e Xunta de Galicia, 2024).
  • Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Ourense (Concello de Ourense, 2015).
  • Ortofotografía provisional do PNOA 2023 (Instituto Xeográfico Nacional, 2023).


Sin comentarios

Sin comentarios todavía